Galicia será a quinta comunidade que máis fondos reciba dos orzamentos do Estado

Serán un total de 1.074,72 millóns de euros, un 8,3% do total.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/10/2021 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

Galicia recibirá 1.074,72 millóns de euros de investimentos propios do Estado e sitúase como a quinta comunidade autónoma cunha maior asignación cun 8,3% do total, segundo consta na memoria do proxecto de orzamentos xerais do estado (PGE) para 2022. Por diante da comunidade galega, en termos porcentuais, atópanse Andalucía (17,4%), Cataluña (17,2%), Comunidade Valenciana (9,3%) e Madrid (8,9%).

A ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, intervén nunha rolda de prensa tras a entrega do Proxecto de Lei de Orzamentos do Estado de 2022 á presidenta do Congreso, Meritxell Batet, no Congreso dos Deputados. Eduardo Parra - Europa Press
A ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, intervén nunha rolda de prensa tras a entrega do Proxecto de Lei de Orzamentos do Estado de 2022 á presidenta do Congreso, Meritxell Batet, no Congreso dos Deputados. Eduardo Parra - Europa Press | Fonte: Europa Press

O cadro de distribución territorial do investimento real en 2022 recolle en concreto ao sector público estatal (administrativo, empresarial e fundacional). No relativo a Galicia, asígnalle 409,58 millóns en sector público administrativo con orzamento limitativo e outros 665,14 en sector público con orzamento estimativo, o que, sumado, arroxa ese total de 1.074,72 millóns de euros, o 8,3% do total.

A ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, que presentou este mércores o proxecto, indicou entre outras cuestións que reducen do 85% ao 40% a bonificación fiscal para as entidades que se dedican ao aluguer de vivenda.

REPARTICIÓN DAS CIFRAS

No relativo aos investimentos con orzamento de gastos limitativo, os 409,58 millóns de euros correspondentes a Galicia repártense por provincias da seguinte maneira: 231,32 millóns A Coruña, 71,48 millóns Pontevedra, 55,42 millóns Ourense e 51,36 millóns Lugo.

Estes 409,58 millóns distribúense, así mesmo, en 364,65 millóns de euros correspondentes ao Estado, 24,71 millóns de organismos autónomos, 5,95 millóns do resto de entidades e 14,26 millóns da Seguridade Social.

Restada a achega da Seguridade Social, os números para Galicia (con orzamento de gastos limitativo) sitúanse en 395,32 millóns, que son un 20,8% máis que nos orzamentos de 2021.

Deles, as maiores contías proceden do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (207,6 millóns) e de Defensa (129,81 millóns).

Con menores cifras sitúanse o departamento para a Transición Ecolóxica (46,36 millóns), Facenda (4,71 millóns), Cultura e Deporte (3,15 millóns), Ciencia e Innovación (2,9 millóns), Interior (755.760 euros) e Industria (21.900 euros).

PROXECTOS CON CONTÍAS ELEVADAS

Entre os proxectos con contías máis elevadas sobresae a previsión para a produción das fragatas F-110, para a que os orzamentos reservan 121,77 millóns de euros.

No tocante ao Ministerio de Transportes, a autovía entre Santiago e Lugo (a A-54) acapara partidas como unha de 16,12 millóns para o tramo Arzúa-Melide e outras dúas de 21,48 e case 21 millóns de euros para o tramo Melide-Palas de Rei.

Outras obras con partidas altas son a da A-57 entre Vilaboa e A Ermida (23,73 millóns), a conexión entre a N-120 e a N-536 no Barco de Valdeorras (22,96 millóns), a ligazón orbital de Santiago (9,05 millóns) e o nó dos bombeiros de Pontevedra (2,25 millóns).

Do Ministerio de Cultura e Deporte, destacan 3 millóns para a rehabilitación do museo arqueolóxico de Ourense, mentres de Transición Ecolóxica chaman a atención 14,88 millóns para a rexeneración da ría do Burgo.

"SEN CREDIBILIDADE"

Doutra banda, o deputado do PP Celso Delgado valora que os orzamentos xerais do estado chegan "sen ningún tipo de credibilidade" ao partir dun cadro macroeconómico "falso". Ademais, a través dun audio remitido aos medios de comunicación polo PP galego, Delgado censura que "disparan o gasto público dunha forma irresponsable" e que "conteñen unha subida fiscal masiva que vai afectar ás empresas galegas e aos particulares".

"Penalizan o aforro evitando as deducións que existían nos fondos de pensións", engade, antes de indicar que están baseados "en achegas que os fondos europeos van supor para España", pero a execución dos de 2021 sitúaa nun 22%.

En resumo, para Celso Delgado, son "uns orzamentos que disparan o déficit público" e bota "moi en falta" o apoio ás empresas comerciais e industriais "con problemas enerxéticos agudos" nestes momentos. En canto á distribución de fondos territorializada, e antes de coñecer o detalle do proxecto, o deputado popular expresou que "moito" se temía que "serán inxustos para Galicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta