O BNG aposta por abrir un relatorio para máis autogoberno, crear 50.000 empregos e reforzar servizos sociais

Olalla Rodil valorou o debate e concluíu que Pontón "volveu demostrar que o BNG é a alternativa política".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2021 | Actualizada ás 12:24

Comparte esta noticia

As propostas de resolución rexistradas polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) no marco do Debate sobre o estado de autonomía recollen as mensaxes que a súa líder, Ana Pontón, enviou durante a primeira sesión do debate, coa aposta por abrir un relatorio para unha análise "sosegada" do autogoberno e os estatus político de Galicia.

Ademais, tamén fai unha aposta por impulsar o tecido económico e produtivo, crear 50.000 postos de traballo en distintos sectores ata 2025 e reforzar os servizos sociais, tanto a sanidade --con dous millóns de euros en atención primaria de forma inmediata-- como a atención aos maiores --cunha rede de coidados pública--.

As 40 iniciativas do BNG foron presentadas pola viceportavoz do Grupo, Olalla Rodil, que será tamén a encargada de defendelas na sesión plenaria final deste venres.

A número dous do grupo fixo tamén unha valoración do debate, no que, concluíu, Pontón "volveu demostrar que o BNG é a alternativa política" cun discurso "crítico e firme e con propostas claras para sacar adiante este país, fronte a un presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "sen ideas, que fixo unha vez máis de oposición da oposición e, concretamente, de oposición ao BNG".

Olallal Rodil, viceportavoz do BNG
Olallal Rodil, viceportavoz do BNG | Fonte: Europa Press

FONDOS NEXT GENERATION

Sobre os fondos Next Generation, o Bloque aposta por "acabar co escurantismo" e que o Goberno galego "remita á Cámara todos os proxectos que haxa" e o Parlamento elixa "como se priorizan" e "os proxectos tractores". "Rescatar o sector industrial e frear a sangría" é outro dos obxectivos que marca o BNG nas súas iniciativas, nas que inclúe un plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial, para incrementar ata o 25 por cento en 2030, en sectores estratéxicos como o naval, téxtil, biofarmacéutico, agrogandeiro e forestal.

As iniciativas inclúen a creación dunha estratexia galega de emprego 2025, coa creación de 50.000 postos de traballo industriais, ensino, coidados, sanidade e novos perfís profesionais que se demandan no mercado laboral.

Tamén se nomea un pacto pola enerxía que permita a Galicia "aproveitar" a súa capacidade produtora e unha transición enerxética "xusta", cun novo modelo de produción eólica "sustentable e que sexa galega" e que permita "desenvolver social e economicamente o país". No ámbito industrial, fai unha proposta para encargar un estudo ao sistema galego de coñecemento --universidades e centros tecnolóxicos-- sobre os "posibles emprazamentos" para un complexo industrial de transformación de produtos derivados da madeira.

Nas súas iniciativas, o Bloque pide incluír de forma inmediata 200 millóns para atención primaria e camiñar cara a un 25 por cento do orzamento da consellería a este ámbito ao final da lexislatura, xunto cun plan de prevención do suicidio. O BNG tamén apoia a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, pero engade unha petición de incluílas como unha etapa máis do sistema educativo.

"CORDÓN SANITARIO"

Como trasladou no debate Pontón, o BNG propón "un cordón sanitario aos discursos do odio, que son a mecha que prende as agresións lgbtfóbicas". Neste punto, reclaman expresamente "rexeitar calquera acordo político con partidos que ameazan gravemente a dignidade humana cuestionando, entre outros, os dereitos fundamentais das persoas LGBT".

As iniciativas tamén piden destinar un 1 por cento do orzamento á loita contra a violencia machista, a creación da Policía Galega, a defensa da "unidade e integridade" do sitio histórico de Meirás e o seu uso central como "espazo da memoria histórica democrática e antifascista" e garantir o dereito ao aborto na rede sanitaria.

As propostas tamén expoñen destinar o 2 por cento dos fondos Next Generation á cultura, que é o peso que ten na economía do país, e "recuperar o consenso lingüístico" coa derrogación do "decretazo" da lingua e devolver o galego ao ensino como "vehicular".

DIRECCIÓN DA CRTVG, POR CONCURSO

O BNG quere os "máis altos estándares" democráticos e, para iso, explicou Rodil, incluíron unha proposta de resolución na que se pide "poñer fin ás portas xiratorias" e reforzar a loita "contra a fraude fiscal". Sen saír deste apartado, o Bloque reclama "rescatar os medios públicos", coa reforma da lei da CRTVG para que o seu director xeral (actualmente elixido en sede parlamentario) sexa escollido por "concurso público".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta