Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/10/2021 | Actualizada ás 12:19
O pasado 8 de outubro rematou o prazo de entrega das obras candidatas ao XXXIV
Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, organizado polo Concello de Dodro. Un total de
30 poemarios participan este ano no certame. E será o vindeiro 6 de novembro cando o tribunal dará a coñecer a obra gañadora, mentres que o acto oficial de entrega terá lugar o día 11 de decembro.
O Concello de Dodro nomeou como "responsable do bo desenvolvemento" do Premio á poeta, profesora e tradutora, Elvira Ribeiro Tobío, quen conta cunha importante traxectoria no mundo literario e cunha extensa obra na nosa lingua. Foi Premio Rosalía de Castro de Cornellá (2003), accésit no Premio Faustino Rey Romero (2004), finalista do Premio Merlín (2007), entre outros. Ten participado, ademais, como membro do xurado dos premios máis prestixiosos da poesía galega; entre eles, o Premio de Poesía Afundación, o Premio de Poesía Xohán Carballeira do Concello de Bueu, o Premio de Poesía Victoriano Taibo de Gondomar, o Premio Nacional de Poesía Xose María Pérez Parallé, o Premio Illas Sisargas de poesía erótica, os Premios Literarios Minerva, os Premios de Poesía e Relato da Universidade de Vigo.
O xurado designado para valorar os 30 traballos presentados ao concurso está composto por: Rexina Rodríguez Veiga, escritora e docente, Silvia Penas Estévez, poeta, perfomer e actriz, Oriana Méndez Fuentes, poeta e Francisco Valeiras Gónzalez, poeta gañador da pasada edición do certame.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.