Escolas infantís gratuítas: a fórmula da Xunta para dar máis cartos á educación privada?

Feijóo anunciou a gratuidade de "todas" as gardarías de Galicia a partir do curso vindeiro. A medida xera suspicacias ante a falta de detalles e a posibilidade de que troque nunha nova canle de financiamento para os centros privados.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Alberto Núñez Feijóo chegou o Debate do Estado de Autonomía cun as na manga. No decorrer do seu discurso inicial, o mandatario autonómico anunciou unha extensión da gratuidade das escolas infantís de Galicia, asegurando que, a partir do próximos curso, estas serían gratuítas na súa totalidade para todos os nenos e nenas da Comunidade, como xa informou o Galicia Confidencial.

Alberto Núñez Feijóo, durante a sesión de control.. ANA VARELA
Alberto Núñez Feijóo, durante a sesión de control.. ANA VARELA | Fonte: XUNTA

A medida supón un cambio no esquema da educación infantil en tanto que, ata o momento, a gratuídade tan só se aplicaba no tocante ao segundo fillo. Feijóo detallou así que "todas" as escolas pasarían a ser de balde para as familias galegas, unha circunstancia da que se beneficiarían varias decenas de miles de crianzas. Pero a medida está a xerar sospeitas polo posible fluxo de cartos públicos a empresas privadas.

O mandatario asegurou, no Pazo do Hórreo, que a gratuidade das escolas se estendería tamén ás privadas, unha circunstancia que a priori podería ser celebrada pero que, a falta de máis detalles, abre dúbidas sobre a formulación desa gratuidade. Agás que Feijóo pretenda expropiar os centros de educación infantil privados de Galicia, a posibilidade restante é o do financiamento directo ou indirecto, circunstancia que xa se ocuparon de apuntar algunhas das voces máis activas en redes sociais. O PPdeG xa pediu ao Goberno central que dea fondos para garantir esta gratuidade, se ben apuntou que levará a medida adiante con e sen o apoio do Executivo de Sánchez.

O anuncio de Feijóo chega nun momento en que as áreas de sanidade e educación do seu goberno están a ser duramente criticadas polas asociacións e sindicatos dos respectivos sectores. A atención primaria leva meses recibindo chamadas de alarma que agora se estenden dos colexios. O mes de setembro foi recibido con protestas por parte de pais, nais e directores polos recortes que a Xunta de Galicia tería efectuado no tocante á dotación de profesorado, unha circunstancia xa cuberta polo Galicia Confidencial. 

A problemática deste recorte apuntado gardaría relación cun suposto aumento do ratio de alumnos por aula --que, segundo se apuntou no seu momento, podería dificultar o cumprimento do protocolo--, pero tamén coa redución de opcións docentes para o alumnado; xa que ao contar con menos profesores os itinerarios de secundaria vense reducidos. Unha plataforma que agrupa a máis de 80 ANPAS da área de Vigo xa anunciou mobilizacións contra unha situación que afecta en especial aos centros do rural, afondando nun baleirado no que o peche de oficinas bancarias, sancionado coa luz verde do executivo autonómico, asestou a primeira estocada. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta