Alvedro podería contar con oito novas rutas aéreas nos próximos anos

A Coruña saca a concurso público liñas directas a Londres, París e Munich, entre outros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2021 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

O Concello da Coruña sacará a concurso público oito rutas aéreas desde o aeroporto de Alvedro co obxectivo de potenciar o turismo e a economía da cidade, segundo expuxo a alcaldesa, Inés Rey, na presentación desta iniciativa.

O obxectivo será aumentar as liñas e frecuencias coas que conta o aeroporto, atraer visitantes e dotalos de mellores conexións. Esta actuación contará cun investimento de 9,7 millóns de euros durante o próximos tres anos e comprometerá ás compañías aéreas adxudicatarias a promover a imaxe da Coruña no ámbito nacional e internacional.

Xunto ao concelleiro de Turismo, Ignacio Borrego, e o xerente do Consorcio, Moisés Jorge Naranjo, a rexedora explicou que o concurso público consta dun total de oito lotes, aos que poderán optar as aerolíneas que operan noutros tantos aeroportos co requisito de que teñan como mínimo dúas frecuencias semanais con Alvedro, aínda que no caso de Londres elevaranse a catro. Trátase de Las Palmas de Gran Canaria, Málaga, Valencia, Amsterdam, Frankfurt, Munich, Londres Heathrow, Londres Gatwick, Paris Orly e París Charles de Gaulle.

A alcaldesa explicou que a medida, co obxectivo de facer crecer o número de voos e os destinos de Alvedro e que esixirá ás compañías unha permanencia mínima de nove meses, será aprobada con carácter urxente, cun prazo de presentación de ofertas de 15 días.

Os oito lotes que se licitarán suporán un investimento de máis de 300.000 euros anuais cada un. A campaña estará activa os anos 2022, 2023 e 2024, con posibilidade de prórroga. Inés Rei remarcou que o obxectivo é chegar a "mercados estratéxicos", tanto nacionais como internacionais.

Aeroporto de Alvedro, A Coruña
Aeroporto de Alvedro, A Coruña | Fonte: Concello da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta