O Tribunal Supremo debate esta semana se o ERE de Alcoa foi ou non legal

O TSXG declarouno nulo, pero a empresa decidiu recorrer.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2021 | Actualizada ás 12:58

Comparte esta noticia

Os maxistrados da sala do social do Tribunal Supremo debaten este mércores sobre o recurso que interpuxo Alcoa contra a anulación do expediente de regulación de emprego (ERE) para máis de 500 traballadores que pretendía aplicar na fábrica de Cervo. A sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou nulo o ERE de Alcoa ao apreciar "mala fe" nas negociacións por parte da empresa, cuxo "fin único e primordial" era "apagar as cubas e pechar a fábrica da maneira máis rendible posible".

Pola súa banda, Alcoa afirma que actuou "de boa fe" durante o período de consultas cos representantes dos traballadores, "de maneira xusta e conforme cos requisitos legais" e apela aos "permanentes problemas estruturais que fan que a planta de aluminio de San Cibrao non sexa competitiva".

Neste contexto, os traballadores regresaron á folga indefinida para denunciar o bloqueo das negociacións entre a multinacional, o Goberno central e un eventual comprador. Este venres, a firma estadounidense asegurou que mantén o seu compromiso para traspasar a factoría a un terceiro, pero fixa como condición que o Executivo estableza un marco enerxético competitivo.

Durante os meses nos que se prolongaron as conversacións entre as partes, o comité (e tamén a empresa) esixiu que a SEPI (sociedade estatal de participacións industriais) ou outro mecanismo equivalente exercesen como mediador, para evitar casuísticas como a que se deu nas plantas da Coruña e Avilés.

Alcoa vendeu as súas fábricas da Coruña e Avilés ao fondo Parter, que á súa vez as transferiu a Grupo Risco. Agora mesmo, ambas están administradas xudicialmente e a Audiencia Nacional investiga se houbo despatrimonialización nestas operacións. De feito, este xoves ordenou aos imputados no caso a devolver 13 millóns de euros ás dúas plantas.

Un membro do comité de Alcoa intervén nunha concentración convocada polo comité de empresa de Alcoa / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press
Un membro do comité de Alcoa intervén nunha concentración convocada polo comité de empresa de Alcoa / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta