Máis de medio millón de galegos viven por baixo do limiar da pobreza

CC.OO. ve fundamental compatibilizar a Risga co Ingreso Mínimo Vital para atallar esta problemática.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2021 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) reclamou máis protección social para os case 600.000 galegos que viven por baixo do limiar da pobreza. Segundo explicaron nun comunicado, a actuación máis urxente é a modificación da Risga para facela "compatible" co Ingreso Mínimo Vital, "tarefa á que a Xunta se comprometeu pero na que leva máis dun ano de atraso", denuncian.

Con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, que se conmemora este domingo, CCOO publicou un estudo que aborda a situación no noso país. A este respecto, a secretaria de Emprego e Protección Social de CCOO, Maica Bouza, matizou que a análise e avaliación da pobreza "presenta unha gran complexidade" debido á "disparidade de parámetros que se utilizan na súa medición".

"Mídanse como se midan, os niveis de pobreza alcanzan cotas inaceptables, polo que é imprescindible aproveitar as etapas de crecemento económico para desenvolver políticas que combatan a pobreza laboral, a precariedade e a desigualdade", defendeu Bouza. O sindicato fíxose eco da enquisa de condicións de vida do Instituto Nacional de Estatística (INE) que, con datos de 2019, indica que 600.000 galegos, o 22,1% da poboación, viven por baixo do limiar da pobreza (9.626 euros para unha soa persoa).

Por outra banda, e xa con datos de 2020, o informe sinala que 34.100 fogares non perciben ingresos, "onde xa se recolle parcialmente o impacto da pandemia", cun aumento de 6.600 fogares respecto ao ano anterior.

MODIFICAR A RISGA

Para Comisións Obreiras, a situación de pobreza "conflúe con vidas laborais intermitentes e precarias", razón pola que a prestación que "debería darlles cobertura aos galegos en situación de necesidade é a Risga". Ademais de modificala para "facela máis compatible" co Ingreso Mínimo Vital e "cubrir aquelas situacións onde esta non chega", piden unha maior flexibilidade nos requisitos, menos burocracia e un maior orzamento.

Para o sindicato, o denominado 'escudo social' despregado para combater o impacto da covid, o Ingreso Mínimo Vital e o incremento do salario mínimo, "deron bos resultados pero non chega". Así as cousas, CCOO pide ao Goberno central e á Xunta de Galicia cambiar a normativa laboral para promover o emprego de calidade, reforzar as políticas activas de emprego, ampliar a protección por desemprego, mellorar os salarios, garantir unha vivenda digna, elevar o IPREM, desenvolver un sistema fiscal progresivo e xusto, e consolidar o sistema público de pensións.

Pobreza infantil.
Pobreza infantil.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta