Por X.M. Fernández | Allariz | 19/10/2021 | Actualizada ás 09:00
O Concello de Allariz vén de facer balance respecto dos visitantes recibidos na rematada tempada estival e o resultado é moi satisfactorio. "Confirman dabondo a recuperación no eido do turismo", din.
Segundo os datos recollidos pola Oficina de Información Turística de Allariz, dende xuño ata a ponte de outubro, un total de 26.500 visitantes pasaron pola instalación municipal, mentres que os que pasaron polo Festival Internacional de Xardíns alcanzaron a cifra de 30.000. Uns datos que teñen máis valor aínda tendo en conta que nestas oficinas atendeuse cun aforo inferior ao habitual.
PROCEDENCIA DOS VISITANTES E MOTORES DO TURISMO
Respecto da procedencia dos visitantes, a meirande parte dos mesmos proceden do resto do estado, sobre todo de Madrid ,Castela León e Levante. En canto aos visitantes galegos, precedían en maior medida das provincia de Coruña e Pontevedra.
Se nos referimos aos 'motores ou reclamos' máis importantes, fontes do concello sinalan o Patrimonio, principalmente, pero tamén con gran incidencia a natureza, a rede comercial e hostaleira, así coma o calendario de eventos que se leva a cabo en Allariz durante todo o ano.O máis recente, as X Xornadas de Carne de Boi de Allariz, celebrado entre o 24 de setembro e o 12 de outubro.
Neste 2021 tiveron moita demanda as actividades ao aire libre como as visitas guiadas ao Casco Histórico de Allariz ou as rutas a patrimoinos arqueolóxicos como Santa Mariña e as excavacións da Cibdá Romana de Armea.
A rede de museos de Allariz, composta polo Museo do Coiro, Museo da Moda e o Museo Galego do Xoguete, bateu todos os récords ao recibir só no meses de xullo, agosto e setembro 8.500 visitas. O Museo Galego do Xoguete foi o que máis visitas recibiu.
X XORNADAS DE CARNE DE BOI DE ALLARIZ
Este evento, un dos que está marcado no calendario anual dende hai dez anos, consolídase tamén como importante atractivo outonal para a vila do Arnoia.
A hostalería consumiu máis de 2.500 quilos de carne de boi de Allariz, recuperando cifras de antes da pandemia. “Durante os 19 días do evento, Allariz acolleu gran número de visitantes e veciñas e veciños que saíron á rúa para degustar este manxar”, sinalaba María López, concelleira de Promoción Económica.
Rematado o verán, Allariz encara agora a temporada outonoal-invernal con outros interesantes eventos como poden ser o Allariz de Medo, a Feira de Outono e a Campaña de Nadal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.