Gonzalo Caballero pide á militancia do PSdeG que vote en "liberdade" e sen "presións"

"Percibo que a militancia quere seguir avanzando pola esquerda cun proxecto galeguista, alternativo ao PP", di.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/10/2021 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

O candidato a revalidar a Secretaría Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apelou aos militantes socialistas a votar en "liberdade" e "sen ningún tipo de indicación, de instrución ou de presión" por parte de "ninguén" nas primarias que o Partido Socialista de Galicia celebrará o próximo día 30 de outubro.

Na xornada na que arrinca a campaña e preguntado sobre este proceso interno nun acto en Santiago de Compostela, Gonzalo Caballero animou a toda a militancia a "acudir a votar" con "liberdade". "Porque a liberdade é fundamental en calquera proceso democrático", subliñou.

"Temos que acertar no proxecto de futuro para Galicia e ese proxecto hai que facelo fortalecendo o partido desde a esquerda, desde o galeguismo e sempre coas referencias do noso partido", sinalou nunhas declaracións nas que erixiu aos expresidentes da Xunta Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe en "referencia".

Tras participar nunhas xornadas sobre o 40 aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia, Gonzalo Caballero sinalou que Touriño e Laxe "construíron a mellor Galicia desde o Goberno" da Xunta. "E eu vou seguir traballando coa forza da militancia para seguir avanzando e para non retroceder", apuntou.

Para iso, mostrouse con "ilusión" e "ganas". "Percibo que a militancia quere seguir avanzando pola esquerda cun proxecto galeguista, alternativo ao PP, coa redición feita por Laxe e Touriño á construción dun proxecto que sexa o maioritario para o progreso de Galicia", destacou.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, antiende aos medios de comunicación
O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, antiende aos medios de comunicación | Fonte: Europa Press

ACTOS EN XINZO E CELANOVA

Por outra banda, Gonzalo Caballero mantivo este martes senllos encontros coa militancia do PSdeG nas casas do pobo de Xinzo de Limia e Celanova, no día que arrinca oficialmente a campaña das primarias.

Desde a provincia ourensá, o aspirante a revalidar a secretaría xeral do PSdeG volveu facer un chamamento a votar "en liberdade" e sen "presións".

"É a militancia a que manda", sinalou para reivindicar así a forza da militancia que quere "seguir avanzando pola esquerda" para dar Galicia unha alternativa de progreso.

"Vexo unha maioría que quere avanzar pola esquerda, avanzar no galeguismo, avanzar no feminismo, avanzar no ecoloxismo e avanzar no compromiso ético", remarcou para chamar a "gañar dentro, coa forza da militancia, para gañar fóra, coa cidadanía".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta