Unha nova marcha defenderá o Monte Grande para tentar frear "a invasión" eólica do Xurés

A plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova convoca a todas as plataformas, colectivos veciñais e asociacións ecoloxistas a participar na andaina para defender os territorios de Ourense.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 19/10/2021 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

O complexo eólico que Greenalia proxecta para o Monte Grande e que afecta aos concellos de Verea e Rairiz de Veiga é o protagonista dunha andaina que percorrerá o territorio para respostar á "ameaza eólica". Así, ás dez da mañá deste sábado partirá unha nova marcha dende a praza de Bande. A plataforma que convoca,Stop Eólicos Xurés-Celanova, convida a participar a "a todas as plataformas, colectivos veciñais e asociacións ecoloxistas que defenden os territorios de Ourense". 

Lagoa Grade no Monte Grande
Lagoa Grade no Monte Grande | Fonte: remitida

Segundo indican dende a plataforma, o complexo eólico proxecta 12 aeroxeneradores en espazo Rede Natura e a unha distancia de varias aldeas inferior aos dous quilómetros. O polígono constitúe unha continuidade do instalado xa no Vieiro e do planeado entre Celanova e Verea e este do Monte Grande suporía, segundo a plataforma, "unha desfeita medioamiental, con varios espazos de bosque autóctono e brañas afectadas, numerosos elementos patrimoniais en risco".

Ademais, tería un impacto negativo na saúde e nas economías das aldeas da contorna e da propia vila de Bande "que ningunha administración se preocupou aínda de avaliar". A todas estas afeccións habería que sumar a propia e "severa" sobre o Xurés, gran reserva natural e o maior tractor turístico da comarca do Val do Limia e das comarcas lindeiras.

SEN RESPOSTAS DESDE A CORPORACIÓN MUNICIPAL

A plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova solicitou hai dúas semanas por rexistro unha entrevista co alcaldesa de Bande, Sandra Quintas (PP) e remitiu unha proposta de moción na que solicita que o goberno local informe á veciñanza a respecto “dos detalles do plan da empresa. Desde as afectacións ambientais, patrimoniais e paisaxísticas previsíbeis, até o marco temporal do proxecto que compromete ás xeracións futuras”. Até este martes, a plataforma non recibiu convite da alcaldesa nin resposta ningunha dos grupos municipais popular e socialista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta