Galardoan en Varsovia á curta de promoción turistica "Segue o teu instinto", da Deputación de Pontevedra

Este xoves comeza o seminario feminista online organizado pola escola María Vinyals.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 20/10/2021 | Actualizada ás 11:16

Comparte esta noticia

A peza audiovisual 'Segue o teu instinto', realizada pola Deputación de Pontevedra para promocionar a campaña turística de 2020, recibiu o segundo premio na categoría de Produto Turístico na 16º edición do FilmAT Festival de Varsovia (Polonia) "tras captar a atención do xurado por promocionar a provincia como un destino sustentable e responsable".

Con este galardón, segundo informou o organismo provincial nun comunicado, a peza suma oito premios. Da man de Celia Freijeiro, a protagonista da produción de Esmerarte, 'Segue o teu instinto', anima a regresar ás orixes e gozar do patrimonio natural de Pontevedra.

No vídeo móstrase ademais como o territorio marca o carácter dos veciños da provincia, á que "sempre é necesario volver para volver a atoparse cun mesmo a través das súas paisaxes, habitantes e cultura".

SEMINARIO FEMINISTA

Por outra banda, este xoves comeza o seminario en liña, organizado pola Deputación de Pontevedra, 'Debates Teóricos e Axenda Política Feminista', organizado pola Escola de Igualdade María Vinyals, dependente do organismo provincial.

A Deputación destacou a "excepcional acollida" do seminario, coas 150 prazas cubertas pero que conta con lista de espera, que tamén supera as 100 persoas. O seminario, dirixido pola profesora e escritora Rosa Cobo, desenvolverase nun total de oito sesións a través da plataforma Zoom ata o 9 de decembro.

"Imos formar sobre os principais debates teóricos desde o pensamento feminista, coa análise dos obxectivos prioritarios da axenda política feminista", explicou na súa presentación a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

O curso impartirase as tardes dos xoves, de 18,30 horas a 20,30 horas --excepto o xoves 25 de novembro, que pasará a celebrarse o venres 26--. A institución provincial emitirá diploma acreditativo ás persoas que realicen as 16 horas.

Algúns dos temas que se abordarán son as orixes do movemento e o seu desenvolvemento histórico, os debates feministas ao redor da violencia sexual, a pornografía, a prostitución, os ventres de aluguer, a democracia, a economía e o feminismo, ou o pensamento queer.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta