A resposta do Sergas contra a saturación da sanidade: cubrir dous postos de traballo cun só médico

O Servizo Galego de Saúde obrigará aos sanitarios contratados a facer gardas nos PAC, o que ata agora era voluntario. A CIG-Saúde denuncia o cariz "precarizador" da medida.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2021 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

Galicia continúa co foco posto na xestión sanitaria do Sergas e a tan denunciada saturación da Atención Primaria. Na mañá deste mércores tivo lugar unha mesa sectorial entre o Sergas e os principais sindicatos do sector, que o pasado martes 19 se concentraron ante a sede do Servizo Galego de Saúde para protestar contra a vaga de recortes que vén de seguir á pandemia. 

A doutora, Cinta Hernández, informa por teléfono dun positivo a un paciente que foi realizarse un test, nun consultorio médico local situado en Torrexón de Velasco. En Torrexón de Velasco, Madrid, (España), a 27 de abril de 2020.. Eduardo Parra - Europa Press
A doutora, Cinta Hernández, informa por teléfono dun positivo a un paciente que foi realizarse un test, nun consultorio médico local situado en Torrexón de Velasco. En Torrexón de Velasco, Madrid, (España), a 27 de abril de 2020.. Eduardo Parra - Europa Press

Lonxe de chegar a unha situación de consenso, ou de resposta ás presións sindicais, dende a CIG-Saúde denuncian que a reunión a varias bandas serviu para que o ente dependente da Consellería de Sanidade avanzara un novo plan precarizador da sanidade pública. E é que, de acordo coa Confederación, o Sergas estaría procurando cubrir dous postos de traballo cun só sanitario.

Esa sería a resposta da Consellería de Sanidade contra o colapso denunciado nas últimas semanas por diversas fontes e que se centraría na Atención Primaria. O cambio virá dado como parte da Lei de Acompañamento dos Orzamentos para 2022. No sector critican este recurso porque as normas da Lei de Acompañamento debátense cunha celeridade que impide a total chegada das cuestións interpeladas á esfera pública. 

En concreto, e segundo detallan dende o sindicato, o artigo, que terá unha duración inicial de cinco anos, crea un novo posto de traballo orientado aos médicos de familia. Estes, ao ser contratados polo Sergas, estarán obrigados a traballar nas consultas dos centros de saúde e facer gardas nos PAC o que, até o de agora, era voluntario, di o sindicato. 

“É dicir, unha soa médica vai cubrir dous postos de traballo”, denuncia a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, que rexeita esta decisión e denuncia a falta de negociación porque “o único que fixeron onte foi tratar de validar este despropósito”. Abuín denuncia que lonxe de dar resposta á situación da Atención Primaria, que era en teoría o obxectivo para o que se convocara a mesa sectorial, “por presión sindical”, o que fixo o SERGAS foi “empeorar as condicións laborais creando un novo posto de traballo das médicas e médicos de Familia con dobre prestación de servizo:  consulta ordinaria e PAC”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta