Sanidade non aclara se devolverá os bares aos horarios prepandemia coas novas medidas

Rueda avanza que, a nivel de aforamentos, a situación será de "práctica normalidade" a partir do sábado, pero deixa no aire a cuestión horaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2021 | Actualizada ás 13:41

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, deu por feito que da reunión do comité clínico que se celebra este xoves sairá unha "práctica normalidade" para a hostalaría no que ten que ver cos aforamentos ou a apertura das barras, pero deixou no aire se retomarán os horarios prepandemia, coa apertura dos locais segundo licenza.

Este martes, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzara que encima da mesa estaba este asunto dos horarios, o cal, como ratificou Rueda, abordarase na reunión con hostaleiros e lecer nocturno leste mesmo xoves. Será este xoves cando a Xunta, que celebra a súa reunión semanal do Consello, comunique en detalle as decisións. Ademais, o Goberno galego aprobará o levantamento do estado de emerxencia sanitaria, que chegará definitivamente ao seu fin na madrugada do sábado.

En declaracións aos medios este mércores, Alfonso Rueda lembrou que durante "moitos meses" a Xunta mantivo reunións co sector da hostalaría en "condicións moi duras" e nas que non había máis que malas noticias". Así, só se falaba de manter restricións ou aumentalas. E agora vai ser para todo o contrario", celebrou o tamén responsable da carteira de Turismo.

"Levamos varias semanas de clarísima melloría sanitaria, de levantamento de moitos estados de alarma e emerxencia sanitaria vixentes. Ese é o compromiso que tiñamos, que cando as cousas mellorasen, habería que mellorar tamén as condicións. E eu espero que hoxe demos un paso definitivo ou case definitivo, sobre todo co que ten que ver cos aforamentos", apuntou.

Rueda destacou que a Xunta "volverá escoitar" ao sector, que pide traballar xa ao 100 por cen de aforamento (actualmente, os locais que cumpren máis medidas de seguridade poden encher o 90 por cento dos locais). No encontro tamén van estar responsables de Sanidade e Sergas, incluído o conselleiro.

Unha barra dun bar coruñés. M. Dylan - Europa Press
Unha barra dun bar coruñés. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta