A Xunta non ve consenso entre o Goberno, as comunidades e o sector das autovías polo modelo de pago

Co foco posto no "diálogo" e a "transparencia", o responsable do Executivo galego apelou a que a implantación de peaxes en autovías "teña en conta o seu impacto" nos territorios periféricos e no sector do transporte.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2021 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

A Xunta manifestou as súas dúbidas sobre o anuncio da intención do Ministerio de Transportes, Mobilidad e Agenda Urbana para empezar a cobrar polo uso das autovías a partir do ano 2024, xa que considera que, antes de avanzar na tramitación do sistema, debe concretarse por que modelo se aposta.

Así o trasladou o director xeral de Mobilidade, Ignacio Mestre, que representou ao Goberno galego na Conferencia Nacional de Transportes, onde reclamou que o modelo para a implantación do pago por autovías se consensúe co sector e as comunidades autónomas.

Co foco posto no "diálogo" e a "transparencia", o responsable do Executivo galego apelou a que a implantación de peaxes en autovías "teña en conta o seu impacto" nos territorios periféricos e no sector do transporte.

Por tanto, segundo informa a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a Xunta solicitou a convocatoria dunha conferencia sectorial "centrada exclusivamente" na implantación do cobro por uso das autovías.

AXUDAS RENOVACIÓN FLOTAS

Por outra banda, durante o encontro, o Goberno galego tamén manifestou a súa desconformidade cos criterios para a repartición das axudas á renovación de frotas de transporte de viaxeiros e de mercadorías convocadas polo Goberno central e que suman un total de 172 millóns, dos cales, 12,8 irán parar a Galicia.

Para a Xunta, os criterios "cobren só o 40% do sobrecusto tecnolóxico da tecnoloxía limpa sobre o diésel", polo que as axudas son "insuficientes" e "pouco atractivas" para "estimular" a renovación das frotas, posto que "o seu prezo é moi elevado". Así, considera que a convocatoria "non responde as necesidades de mobilidade de Galicia" ao estar centradas "na promoción de vehículos eléctricos ou de hidróxeno".

"Os sistemas de mobilidade eléctrica ou baseados en hidróxeno verde teñen actualmente unha utilidade centrada nas contornas urbanas e non permiten realizar o transporte de pasaxeiros e de mercadorías nun territorio tan disperso e rural como a comunidade galega", explica a Xunta nun comunicado.

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Mestre, participa na Conferencia Nacional de Transportes. XUNTA
O director xeral de Mobilidade, Ignacio Mestre, participa na Conferencia Nacional de Transportes. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta