A multinacional ALDI utiliza "23 colaboradores" para abrir o primeiro gran supermercado en Galicia

ALDI, que chegou a España en 2002, conta actualmente con máis de 340 establecementos no Estado.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/10/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A cadea de supermercados de orixe alemá ALDI aterra en Galicia coa apertura, o próximo día 3 de novembro, do seu primeiro establecemento, situado en Santiago de Compostela. Contará cunha superficie de 1.250 m2 e un persoal de "23 colaboradores e colaboradoras". A compañía explicou que quere chegar ao máximo número de clientes galegos e que, por este motivo, ten previsto, nos próximos anos, seguir crecendo na rexión.

Supermercado da cadea de supermercados de orixe alemá ALDI
Supermercado da cadea de supermercados de orixe alemá ALDI | Fonte: remitida

ALDI insiste que basea o seu modelo de negocio no desconto e ofrece nas súas tendas unha variedade de preto de 2.000 produtos de calidade a prezos baixos, co 86% dos artigos de marca propia e todo o necesario para realizar unha compra completa. A cadea tamén destacou que confía en máis de 400 provedores, deles, 30 galegos.

"Sempre tivemos claro que queriamos chegar aos fogares galegos e agora estamos felices de poder anunciar que por fin abrimos o noso primeiro supermercado na rexión. Chegamos coa ilusión de ofrecer unha nova opción de compra fácil, alcanzable e sinxela aos galegos e o compromiso de ofrecer os mellores produtos a prezos baixos, respectando a cadea de valor", destacou Victor Nieto, responsable de Expansión de ALDI. A cadea de supermercados, chegou a España en 2002 e ten 340 establecementos abertos.

O grupo de empresas ALDI Nord é unha das cadeas de alimentación máis importantes do mundo con presenza en Bélxica, Dinamarca, Francia, Alemaña, Luxemburgo, Países Baixos, Polonia, Portugal e España.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta