Bugallo pide "melloras" nos investimentos para Santiago nas contas da Xunta para 2022

Cre que a Igrexa e a banca, como propietarios "maioritarios" de inmobles baleiros na zona vella, deben "actuar".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2021 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, ve necesario que a Xunta rectifique as partidas que dedica para a capital galega no seu proxecto de orzamentos para o ano 2022, xa que entende que se limita a actuacións "da propia" Administración autonómica e non reportan beneficios directos para os veciños da cidade compostelá.

"Non se poden cualificar de ilusionantes. Non hai demasiados temas para Santiago e non hai ningún novo", sinalou o rexedor santiagués durante a rolda de prensa celebrada este venres no Pazo de Raxoi, onde apuntou que "o único destacable" do proxecto de contas é a ampliación do Hospital Clínico.

Unha actuación na que avanzou que o goberno local colaborará "ao máximo" aínda que iso "xere críticas". Con todo, bota en falta proxectos para a cidade ou que se aumente o compromiso en cuestións como o desenvolvemento do polo biotecnológico, para o que se reserva unha partida que, segundo Bugallo, corresponde á axuda concedida o ano pasado pero que se materializará en 2022.

Así, confía en que esta "falta" de compromisos poida corrixirse durante a tramitación das contas no Parlamento, aínda que se mostrou pouco optimismista respecto diso. "Mantemos abertas as liñas de colaboración coa comunidade, pero non hai motivos para o entusiasmo", comentou. "Débese e poden mellorar os investimentos en relación a Santiago como cidade e municipio, non só nas institucións que son da Xunta e están asentadas na cidade", incidiu o rexedor socialista.

CONSORCIO E CIDADE HISTÓRICA

Cuestionado sobre os compromisos económicos co Consorcio de Santiago, Bugallo apuntou que a entidade, na que participan Xunta, Estado e concello, "está viva" e con vontade de "continuidade" expresada no plan para o período 2021-32.

En canto á prohibición a que visitantes e veciños poidan apoiarse nas columnas do Pazo de Raxoi, sede do concello e situado fronte á Catedral, o alcalde manifestou a súa sorpresa por que a decisión, adoptada nos últimos días, cobrase "relevancia nacional".

En todo caso, asegurou que polo momento non se imporán sancións e aplicarase "algo de pedagoxía" para lograr o cumprimento da medida, algo que, recoñece, non se está producindo.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa.
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta