Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/10/2021 | Actualizada ás 19:19
O aspirante a revalidar a Secretaría Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, desprazouse este venres á Costa da Morte, onde reivindicou a "forza da militancia" para apostar polo "único proxecto socialista gañador" para Galicia.
O dirixente socialista, que este venres mantivo encontros con militantes en Cee, Vimianzo e Camariñas, sostivo que "retirar a referencia política do PSdeG cada catro anos" é "o mellor regalo que se lle pode facer ao PP e ao BNG" en termos electorais.
Fronte a iso, agradeceu o "apoio crecente" que está a recibir da militancia a "un proxecto que ten como único obxectivo que o PSdeG siga avanzando". "A militancia sabe que non hai merlos brancos e que a única fórmula para gañar as eleccións é traballo, lealdade e esquerda", concluíu.
Ao fío diso, Gonzalo Caballero avanzou que incorporará novos compañeiros nos órganos dunha dirección "renovada e reforzada" para o PSdeG poscovid. Así, incluirá referentes do ámbito municipal e mesturará persoas con experiencia e aires novos, así como perfís con conexión coa sociedade civil.
Pola súa banda, o outro aspirante á Secretaría Xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, apostou por un Partido Socialista de Galicia con "espírito gañador", que "volva ser o vehículo das ilusións dos galegos e galegas".
Formoso tamén destaca, como Caballero, que percibe unha "clara empatía" da militancia polo seu modelo. "Comparte as preocupacións que estamos a pór enriba da mesa e que as propostas que facemos ilusionan", sinala.
O tamén secretario xeral do PSOE coruñés fai un balance "moi positivo" do que vai de campaña e un chamamento á "participación masiva" nas primaria do próximo día 30 para "recuperar, entre todos, a ilusión e a esperanza no partido". "E pór o mellor de nós, do talento que brota no PSdeG, ao servizo de Galicia", sinala.
Neste sentido, unha das propostas que inclúe nas súas dez medidas para sumar e avanzar é o compromiso de que elaborará unha carta de servizos á cidadanía a implementar na Xunta cando o PSdeG goberne.
Ademais, porá en marcha unha mesa de análise para elaborar unha proposta sobre o novo modelo de financiamento autonómico, que deberá ter como eixo vertebrador da mesma a defensa dos intereses de Galicia no marco do diálogo co goberno de España.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.