Neda súmase á revolta rural contra o "espolio" dos parques eólicos

Entidades bergantiñás piden á Consellería de Sanidade suspender a tramitación do "Complexo eólico da Costa da Morte".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2021 | Actualizada ás 19:17

Comparte esta noticia

O rural galego segue en pé de guerra contra os parques eólicos proxectados ao longo do territorio. O último municipio en organizar unha marcha reivindicativa foi Neda, logo de que este mesmo sábado Bande reunira tamén a súa veciñanza para expresar o seu rexeitamento ás eólicas ás portas do Xurés.

Marcha reivindicativa en Neda contra o parque eólico Caaveiro
Marcha reivindicativa en Neda contra o parque eólico Caaveiro | Fonte: remitida

Nestoutro encontro en Neda, que rematou na Fervenza do río Belelle, veciñanza de Anca, Viladonelle e O Roxal saíron camiñar para "protestar contra o espolio, o despoboamento e a destrución do rural galego, das nosas paisaxes e do noso ecosistema". Na zona está proxectado o Parque Eólico Caaveiro, de 78 MW de potencia nominal e integrado por 14 aeroxeradores. "O mal tempo non evitou que preto dun centenar de veciñas e veciños sairamos defender o noso presente e o futuro dos nosos fillos", indican nun comunicado.

Se ben precisan que "as xentes do rural non estamos en contra da enerxía eólica", indican que  "non pode ser que se proxecte un parque eólico onde viven persoas". "Quen vai querer vivir nun parque eólico? Ninguén", engaden. No escrito, as persoas organizadoras da marcha aseguran que loitan "por dignidade e por responsabilidade, contra aqueles que queren converter Galiza nun inmenso parque eólico ao servizo das multinacionais do sector". 

COSTA DA MORTE

Doutra banda, un total de once entidades - entre elas Petón do Lobo, Plataforma Bergantiñá Pola defensa da Terra ou o Sindicato Labrego Galego - veñen de pedir á Consellería de Industria que "suspenda de forma cautelar a tramitación do Complexo eólico da Costa da Morte". Segundo recollen nun comunicado, este proxecto lévase a cabo por parte da Xunta de Galicia "con total opacidade, sen información pública e mediante vulneración flagrante da Lei 21/2013, de 9 de decembro de impacto ambiental, que esixe avaliación ambiental estratéxica para os plans empresariais".

Por iso, a veciñanza dos núcleos afectos, nos municipios de Laxe, Cabana, Ponteceso e Coristanco, piden "máis información sobre as características e natureza" deste Complexo que lidera EDP Renovables e Greenalia Green Power. Así mesmo, esixen "acceso" aos acordos do clúster eólico da Comarca para a evacuación conxunta da enerxía do Complexo eólico desde o parque eólico Monte Chan en Laxe ata a subestación da central térmica de Meirama.

 

Segundo informan, o parque eólico Soesto evacúa a través da Subestación colectora elevadora “Monte Chan”, e os vieiros empregados para o seu acceso son os do parque eólico Pena Forcada, de Naturgy. A liña aérea de alta tensión de 220 kV que evacúa a enerxía xerada dos parques do municipio de Laxe, parte da subestación “Monte Chan”, situada a 4,6 km do parque eólico Soesto ata chegar á subestación da central térmica de Meirama. "No seu camiño iría incorporando as achegas do resto de parques do complexo eólico, no que entrarían os parques de EDP Renovables e os parques eólicos de Greenalia Green Power", salientan.

 

Desta forma, o "complexo eólico" do que formarían parte ata oito parques que, segundo indican as organizacións asinantes do escrito, "están a tramitarse de forma fraccionada e independente, na procura dunha tramitación administrativa máis áxil e simplificada, pero diluíndo os impactos ambientais da totalidade do Plan eólico". Tamén obvian, explican, a "participación pública na súa avaliación global", de xeito que "deixan de lado" a normativa europea que regula o dereito de acceso e participación da cidadanía na toma de decisións

relacionadas co medio ambiente e a paisaxe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta