Arrinca a outra gran vacinación... a da gripe

Comeza cos maiores de 65 anos e usuarios e traballadores de residencias. A partir do 15 de novembro ampliarase a embarazadas e menores de 60 anos con patoloxías de risco, entre outra poboación diana

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 25/10/2021 | Actualizada ás 10:23

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) ampliará este luns, 25 de outubro, a vacinación antigripal a persoas de 65 ou máis anos de idade e usuarios e traballadores de residencias de maiores e discapacidade, tras arrincar o día 18 co persoal sanitario.

Deste xeito, avanza a campaña de vacinación secuencial contra a gripe en Galicia, para a que o Sergas contará con 885.800 doses, que supoñen 20.500 máis que o ano pasado, cun investimento de 5.259.157 euros.

Posteriormente, o día 15 de novembro estenderase a vacinación antigripal a poboación de 60 a 65 anos, así como aos menores de 60 con patoloxías de risco; embarazadas, prematuros (de seis meses a dous anos), persoal de servizos esenciais, persoal por exposición laboral como traballadores de granxas avícolas e porcinas, e persoal de oficinas de farmacia.

O 29 de novembro o Sergas incorporará á vacinación antigripal, que se estenderá ata o 31 de decembro, ao resto da poboación diana, así como os convivientes de persoas de risco.

Nesta campaña 2021 por unha banda administrarase a vacina trivalente adxuvada de antíxenos de superficie inactivados ás persoas de 65 ou máis anos; outra de alta carga tetravalente para maiores de 60 institucionalizados en residencias, porque xera unha resposta inmune máis potente neste grupo de persoas cun maior risco de transmisión; e finalmente disporase a tetravalente de virus fraccionados e inactivados, cuxa indicación empeza a partir do seis meses.

Para vacinarse, Sanidade habilita 900 puntos de vacinación distribuídos en centros de Atención Primaria e Hospitalaria do Sergas, así como centros médicos e consultas privadas, residencias da terceira idade públicas ou privadas, centros penais, centros de menores e discapacitados, entre outras instalacións.

Vacina contra a gripe
Vacina contra a gripe | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta