O BNG pide cambios normativos para facilitar a inclusión social dos migrantes

Solicita medidas políticas a nivel de Estado e da UE para loitar contra as crises que provocan os fluxos migratorios.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 25/10/2021 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

O BNG reclamou este luns modificacións lexislativas que permitan favorecer a inclusión social dos migrantes, respectando os seus dereitos, e medidas políticas a nivel de Estado e da UE para loitar contra as crises que provocan eses fluxos migratorios.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a deputada autonómica Rosana Pérez, nunha reunión coa ONG 'Sen Valos', na Pobra do Caramiñal (A Coruña).. BNG
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a deputada autonómica Rosana Pérez, nunha reunión coa ONG 'Sen Valos', na Pobra do Caramiñal (A Coruña).. BNG | Fonte: Europa Press

Así o trasladou o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, tras manter un encontro con responsables da ONG 'Sen Valos', na Pobra do Caramiñal, no que tamén participou a deputada autonómica, Rosana Pérez, e a portavoz municipal nacionalista, Amparo Cerecedo.

Segundo explicou o presidente de 'Sen Valos', Patxi Hurtado, os migrantes que chegan a España e a Galicia atópanse cun "complexo sistema lexislativo e administrativo" á hora de afrontar os seus procesos de regularización. Iso supón, por exemplo, que se lles esixan unhas condicións laborais que son "irreais" e case imposibles de cumprir, como ter contratos a xornada completa de polo menos un ano de duración.

Isto tradúcese en dificultades á hora de acceder a dereitos por parte do colectivo inmigrante, refuxiados ou mesmo para persoas solicitantes de protección inernacional.

Ante esta situación, Néstor Rego trasladou o compromiso do BNG para traballar a favor dos dereitos desas persoas, e evitar así a súa exclusión social. 

Tal e como apuntou, "os fluxos migratorios prodúcense de maneira forzada por razóns de carácter económico, social, político e mesmo ambiental, e cada vez son máis frecuentes". Ademais, recalcou, en ocasións, as propias políticas dos países da UE, incluída España, "provocan eses fluxos de refuxiados".

Por iso, reclamou medidas que favorezan o desenvolvemento social e económico que evite esa emigración forzada. Na mesma liña, pediu que leven a cabo modificacións lexislativas para amparar os dereitos das persoas que chegan a Galicia, e así evitar as dificultades e trabas administrativas e legais coas que se atopan. "Os dereitos deben respectarse sempre, sen que inflúa a existencia ou non dun emprego", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta