A Coruña, Málaga e Barcelona serán sedes de actividades conmemorativas do 50 aniversario da morte de Picasso

Na programación inclúese unha exposición internacional no primeiro semestre de 2023, na cidade herculina.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 25/10/2021 | Actualizada ás 19:46

Comparte esta noticia

A Coruña, Barcelona e Málaga serán sedes da celebración dos eventos conmemorativos do 50 aniversario da morte de Picasso. Así o informa o goberno local tras a decisión adoptada esta tarde na constitución do pleno da comisión estatal para esta conmemoración, da que forma parte a alcaldesa herculina, Inés Rey.

Acto de constitución  da comisión estatal para a conmemoración do 50 Aniversario da morte de Pablo Picasso
Acto de constitución da comisión estatal para a conmemoración do 50 Aniversario da morte de Pablo Picasso | Fonte: Concello da Coruña.

O acto de constitución da comisión tivo lugar en Madrid e estivo presidido polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Ao mesmo asistiron os ministros Miquel Iceta, José Alonso Bolaños e Manuel Albores, e a exministra Carmen Calvo, ademais das alcaldesas da Coruña e Barcelona, Inés Rey e Ada Colau, e do alcalde de Málaga, Francisco de la Torre, entre outros.

Rey mostrou a súa satisfacción pola elección da Coruña como sede de parte dos eventos que se celebrarán entre 2022 e 2023. "É unha moi boa nova xa que nos recoñece e sitúa no mapa das cidades picassianas, o que nos abrirá enormes oportunidades culturais, económicas e turísticas".

Na programación, inclúese a celebración na cidade dunha exposición internacional no primeiro semestre de 2023, 'Picasso, branco no recordo azul, A Coruña 2023', que relacionará as principais etapas da produción do artista con obras do seu período formativo na cidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta