A transmisión de pais a fillos segue a ser o flanco débil do galego tras 40 anos de autonomía

O CCG desenvolve unhas xornadas nas que analiza as solución achegadas en Euskadi, as circunstancias do ensino en galego e como afecta o lecer á transmisión lingüística.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Corría o ano 1984 cando naceu “Fálalle galego”, a primeira campaña pública en defensa do idioma dun novísimo goberno autonómico. A proposta atendía á necesidade da transmisión xeracional do idioma, unha das principais sangrías polas cales se segue a perder o idioma propio de Galicia. 

Nenos paseando | Foto JatoCreate
Nenos paseando | Foto JatoCreate

37 anos despois, a problemática segue a estar sobre a mesa. De aí que o Consello da Cultura Galega veña de centrar o seu Encontro para a normalización lingüística deste 2021 na problemática da transmisión interxeracional. Esta XXIII edición poñerá así o acento na creba desta transmisión, aspecto que cualifican como grave todos os estudos e informes elaborados por entidades como o propio CCG ou a Real Academia Galega.

A cita está coordinada por Rosario Álvarez, David Cobas Medín, Xosé Gregorio Ferreiro Fente, Ana Iglesias Álvarez, Manuel Maseda Deán, Susana Mayo Redondo, Bernardo Penabade Rei, Xusto A. Rodríguez Río, Bieito Silva Valdivia, Anxos Sobriño Pérez e Marta Souto González.

No obxectivo desta edición, titulada “Desde o berce: a transmisión interxeracional da lingua galega”, preténdese proporcionar e intercambiar información, reflexionar sobre os datos, difundir e compartir experiencias e recursos, e tentar achegar vías de solución ou propostas positivas sobre a perda desta transmisión entre xeracións.

O programa pretende dar contexto sobre a problemática galega achegando datos cuantitativos e cualitativos que permiten coñecer experiencias e accións implementadas noutras áreas. Don os relatorios de Paula Kasares, Universidade Pública de Navarra e Euskarabidea-Instituto Navarro do Euskera; Xaquín Loredo do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega e do investigador Anik Nandi, Universidade de Leiden (Países Baixos).

ESCOLAS E LECER

Outro dos aspectos nos que se centra o programa pasa por presentar unha visión diversa da crianza, relacionada cos espazos e cos tempos. Un achegamento ao traballo e á ollada de catro persoas que teñen consciencia da importancia de criar na nosa lingua. Baixo o título “Escola en galego...escola aberta” falarán Fernando Lacaci da Confederación ANPAS Galegas;  Cristina Llinares da Galiña Azul;  Lorena Pita e Cristina Rodríguez de Aulas Galegas; xunto con Marta Santos e Joana Santos do Proxecto Semente. 

O terceiro dos bloques nos que se centra este encontro está relacionado cos espazos e propostas de lecer para a mocidade. Esta sesión busca ofrecer información e debater sobre o que fan as e os cativos no tempo de lecer, que demandan as familias e que ofertan as administracións e as empresas, todo a través de experiencias desenvolvidas no ámbito galego. Participan nesta sesión María Campos e Carlos Yus, de Migallas Teatro; Nerea Couselo de Xandobela; Marcos Maceira da Mesa pola Normalización Lingüística que falará da Iniciativa Xabarín, e tamén Marcelo Rodríguez. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 uu1

Fica claro para todo o mundo que as ações levadas a cabo durante 37 anos são um fracasso? Pois já é tempo de as mudar! E não será porque esta é a XXIII edição, nas 22 anteriores não chegárom a nenhuma conclusão!

1 nostrus

Pois mira, eu a meu fillo sempre lle falei galego, pero nunca lle inculquei odio hacia a outra lingua que temos todos os galegos e que tamén é nosa. O único que se demostra e que o galego ha de esparcirse de modo amable para que sexa atractivo e o único que sabedes os nacionalistas é usalo como un martelo e convertilo en algo hostil, concederlle mais virtudes das que en realidade ten, facelo obligatorio para algunhas labores para con elo dicir que é útil. Galego SI, pero en liberdade e de xeito amable.

2 Amancio

nostrus non nos veñas coa ladaíña da imposición porque se hubo algunha lingua imposta en Galicia foi o castellano e hoxe é a maioritaria dos galegos. A nós parécenos ben que eduques os teus fillos como che pete, mais cada vez somos mais galegos fartos da imposición da lingua castelá en Galicia. Galego e inglés sóbranos.