O presidente da Deputación de Lugo ratifica que os orzamentos para o próximo ano crecerán

O PP acúsao de "deslealdade" e ve "inxusto" que os orzamentos "se coñezan antes" no Parlamento, con sede en Santiago, que en Lugo.

Por E.P. | Lugo | 26/10/2021 | Actualizada ás 16:14

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, anunciou este martes, antes do pleno provincial, que os orzamentos para o próximo ano "crecerán", á vez que afeou ao grupo popular que "non se decate de como funciona a administración".

O presidente da Deputación,  José Tomé, á súa chegada ao pleno da Deputación
O presidente da Deputación, José Tomé, á súa chegada ao pleno da Deputación | Fonte: Europa Press.

O reproche parte da demanda do portavoz do PP, Javier Castiñeira, da necesidade de que presente esas contas aos grupos provinciais antes de que o faga ante o Parlamento de Galicia o próximo 4 de novembro.

"Ao Partido Popular xa lle vai sendo hora de que se decate de como funciona a administración, porque vexo que o seu portavoz non sabe onde está. Presentar os orzamentos da Deputación no Parlamento de Galicia é un deber institucional e eu, mentres estea aquí, vouno a facer", comprometeu Tomé.

Ademais, suxeriu que Castiñeira "debe de descoñecer os tempos". "Porque sempre levamos os orzamentos antes de que conclúa o ano, en novembro habitualmente, para que entren en vigor a finais de ano e o Parlamento convoca cando convoca", esgrimiu.

Tamén requiriu aos populares que "fagan achegas" para as contas, "porque de momento non se recibu ningunha, á parte desas historias que solta nos medios de comunicación para que lle dean algún titular pero do resto non se sabe nada".

Dito isto, Tomé asegurou que "os orzamentos van crecer, van ser un pouco máis grandes que o ano pasado e mantéñense os catro alicerces de ata agora: o benestar, a mobilidade, a cooperación cos concellos e o plan de impulso ao tecido produtivo".

"DESLEALDADE"

Desde as filas populares, o seu portavoz Javier Castiñeira, acusou a Tomé "de deslealdade".

"Sabemos a data concreta onde vai comparecer o presidente da Deputación no Parlamento e nós levamos varios meses pedindo reunirnos con el para falar dos orzamentos e temos a calada por resposta. Sería inxusto que se coñecesen os orzamentos antes en Santiago que en Lugo, pero isto obedece a un interese persoal de Tomé para saber cal vai ser o seu xefe en Santiago, se o señor Caballero ou o señor Formoso, e a partir de aí redirixir os orzamentos mediáticamente para relanzar a ese candidato", suxeriu Castiñeira.

PLAN ÚNICO

Polo demais, os socios nacionalistas do PSOE no goberno provincial, a través da vicepresidenta, Maite Ferreiro, puntualizaron que "a idea" do BNG é que "o Plan Único" (que reparte entre os 67 concellos da provincia) "creza".

"Pero temos un compromiso adquirido que é asumir a competencia que non lle corresponde á Deputación, senón á Xunta de Galicia, como é a atención ás persoas maiores tal é o caso das residencias (de maiores) que se están construíndo e estanse empezando a xestionar", matizou.

"É moi difícil que se aumente en gran medida o Plan Único, tentaremos facelo todo o que se poida, pero sería interesante que a Xunta asuma a dependencia e o coidado dos nosos maiores", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta