Cando Emila Pardo Bazán reivindicaba o "pracer sexual feminino" nun tempo no que estaba prohibido

O Congreso Internacional 'Emilia Pardo Bazán, cen anos despois' termina este mércores o seu paso pola sede da RAG.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 27/10/2021 | Actualizada ás 11:43

Comparte esta noticia

A terceira xornada do Congreso Internacional 'Emilia Pardo Bazán, cen anos despois' arrincou este mércores na sede da Real Academia Galega (RAG) e na  Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán cunha análise da académica Marilar Aleixandre sobre como a escritora galega construíu a súa identidade como escritora "contra o decoro".

Tal e como explicou a RAG nun comunicado, esta construción incluía "a reivindicación do pracer sexual feminino". Ademais, a catedrática da Universidade de Nova York Jo Labanyi intervirá tamén para falar sobre a contribución da revista 'Novo Teatro Crítico', redactada en solitario por Bazán e utilizada por ela como "instrumento de publicidade para a súa obra e figura pública".

Pola súa banda, a catedrática da UNED Ana Mª Freire López explorará a imaxe da obra e figura da escritora na prensa norteamericana do seu tempo. Tamén a catedrática da Universidade de Rennes 2, Dolores Thion Soriano-Mollá, falará do proxecto poético 'Himmnos e soños'; mentres que a profesora da Universidade de Vigo Montserrat Ribao, do uso da narrativa breve pardobazaniana na aula de literatura española para estranxeiros.

A RAG lembrou que coorganiza o congreso xunto á Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Consello da Cultura Galega (CCG); lugares nos que continuará o xoves e o venres o seminario con achegas ao redor da relación da autora coa ciencia, a Galicia do seu tempo e o feminismo.

Todas as sesións poderán seguirse desde a academia.gal ou nas respectivas canles de Youtube das institucións anfitrioas.

TERCEIRA XORNADA

Así, este mércores Marilar Aleixandre tamén destacará que Emilia Pardo Bazán, ao contrario do que fixeron outras mulleres escritoras do XIX como George Eliot ou George Sand, nunca recorreu ao anonimato ou a esconderse detrás dun pseudónimo de home para publicar as súas obras, "un xesto que se interpretou naquel momento como un exercicio de inmodestia".

Tras a presentación das diversas comunicacións, o académico Ramón Villares clausurará esta tarde a xornada cunha conferencia centrada na condición de Pardo Bazán como intelectual na crise do 98.

Retrato da escritora Emilia Pardo Bazán. REAL ACADEMIA GALEGA
Retrato da escritora Emilia Pardo Bazán. REAL ACADEMIA GALEGA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta