Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2021 | Actualizada ás 13:47
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remitiu unha carta ao Ministerio de Transportes en relación ao informe da Comisión Galega de Competencia sobre a AP-9, para solicitar unha reunión "urxente" co fin de "revisar" as "subidas extraordinarias" na autoestrada.
"O informe vén censurar a decisión en 2011 do Goberno de Zapatero do modo de pago para financiar esas obras de ampliación en Santiago e Vigo e vén dar a razón á Xunta, que viña denunciando hai tempo esas subidas extraordinarias e exponenciais durante 20 anos das peaxes para financiar esas obras", denunciou a conselleira, este mércores en declaracións aos xornalistas.
Este documento, incidiu, "vén sumarse ao ditame do Consultivo de 2020 que indicaba tamén esa compensación excesiva e que era nula de pleno dereito". Un texto que, segundo engadiu, "non foi contestado" o ministerio e por iso a Xunta pide "unha reunión urxente", xa que cre "que hai que analizar en profundidade estes informes por parte do ministerio e que deben revisarse esas subidas extraordinarias, esa axuda excesiva".
Por ese motivo pide que se reúna a comisión sobre a AP-9. "Por agora non temos contestación, esperamos que recapaciten porque é un asunto de moito calado que afecta o peto de todos os galegos", incidiu Vázquez. "En 2020, cando remitimos o ditame do Consultivo non tivemos resposta. Espero que en 2021 o ministerio sexa sensible por unha vez con Galicia e atenda a solicitude de reunión que é urxente", reiterou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.