O paro baixa en 25.700 persoas no terceiro trimestre en Galicia e a ocupación sobe en 35.800

A caída do desemprego é case cinco veces superior á da media e o incremento de ocupados, case o dobre.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2021 | Actualizada ás 11:37

Comparte esta noticia

O paro baixou en 25.700 persoas no terceiro trimestre do ano en Galicia en relación co anterior, o que supón unha caída do 16,85%, case cinco veces superior á rexistrada pola media (-3,59%), segundo os datos que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Deste xeito, o número total de desempregados situouse no terceiro trimestre na comunidade galega en 126.700, que son 18.100 menos que no mesmo período do ano anterior, un 12,52% menos. Mentres, os ocupados alcanzaron o 1.112.500 persoas, que son 35.800 máis que no segundo trimestre do ano (+3,32%) e 29.900 máis que no terceiro de 2020 (+2,77%).

No que respecta á poboación activa, que se sitúa en 1.239.200 persoas, son 10.100 máis que no trimestre anterior (+0,82%), e 11.800 máis que no terceiro do pasado exercicio (+0,96%).

A poboación de 16 anos e máis en Galicia ascende a 2.340.900 persoas, que son 300 máis en variación intertrimestral (+0,01%) e 1.900 máis en taxa interanual (+0,08%).

A taxa de actividade sitúase, para ambos os sexos, no 52,94%; mentres que a de paro está no 10,23%. No relativo a homes, as porcentaxes son do 57,93% e do 9,46%, respectivamente; mentres alcanzan o 48,36% e o 11,06% para mulleres.

DATOS ESTATAIS

No conxunto estatal, o desemprego descendeu en 127.100 persoas no terceiro trimestre, a súa maior diminución nun terceiro trimestre desde o ano 2018, cando caeu en 164.100 parados.

Pola súa banda, a ocupación superou por primeira vez desde o cuarto trimestre de 2008 a cifra de 20 millóns de traballadores tras crearse nos meses de verán 359.300 empregos, un 1,8% máis que no trimestre anterior. En concreto, setembro pechou con 20.031.000 ocupados.

Este incremento da ocupación entre xullo e setembro é o segundo máis elevado nun terceiro trimestre desde a crise financeira de 2008, só superado polos 569.600 empregos que se crearon no verán de 2020 tras o fin do confinamento.

Ao finalizar setembro, o número total de parados situouse en 3.416.700 persoas. A taxa de paro diminuíu case sete décimas, ata o 14,57%, a súa cifra máis baixa desde o primeiro trimestre de 2020 (14,41%), co que se sitúa xa en niveis preCovid.

Arquivo - Unha persoa pasa por diante dunha Oficina de Emprego situada na capital, en Madrid, (España), a 28 de xaneiro de 2021. A crise do Covid-19 acabou con 622.600 postos de traballo en 2020, segundo indica a última Enquisa da Poboación Ac. Ricardo Rubio - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Unha persoa pasa por diante dunha Oficina de Emprego situada na capital, en Madrid, (España), a 28 de xaneiro de 2021. A crise do Covid-19 acabou con 622.600 postos de traballo en 2020, segundo indica a última Enquisa da Poboación Ac. Ricardo Rubio - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

FOGARES GALEGOS

O número de fogares galegos en que todos os seus membros activos están en paro diminuíu en 12.000 unidades e sitúase en 46.100 no terceiro trimestre, segundo os datos que publica este xoves o Instituto Galego de Estatística (IGE) relativos á Enquisa de Poboación Activa (EPA).

Respecto ao terceiro trimestre de 2020, esta tipoloxía de fogares reduciuse un 13,3%. Pola súa banda, os que teñen a todos os seus membros activos ocupados aumentan en 29.900, ata 642.600.

En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 34.800 fogares máis con todos os seus membros ocupados, o que supón un incremento do 5,7% en termos relativos. En canto aos mozos, dos 321.200 que teñen entre 16 e 29 anos, 121.800 (o 37,9%) están ocupados, 34.000 (o 10,6%) parados e os 165.300 (o 51,5%) restantes son inactivos.

TEMPORALIDADE DO 64,7%

A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 37,9% no terceiro trimestre de 2021. Con respecto ao trimestre anterior aumenta 6,2 puntos; con respecto ao mesmo trimestre do ano pasado sobe 3,9 puntos. Pola súa banda, a taxa de paro xuvenil sitúase no 21,8% neste trimestre; diminúe 5,3 puntos respecto ao trimestre anterior e en comparación co terceiro de 2020 redúcese 6,4 puntos.

No terceiro trimestre de 2021, o 75,9% dos ocupados de entre 16 e 29 anos traballa a xornada completa. Con respecto ao segundo trimestre de 2021, esta cifra aumenta un 22,8%, mentres que a de mozos ocupados a xornada parcial aumenta en 3.200 persoas.

Con respecto ao terceiro trimestre de 2020, aumenta tanto a ocupación xuvenil que traballa a xornada completa (en 6.000 persoas), como a ocupación a xornada parcial (en 7.700 persoas).

Dos 111.200 asalariados de entre 16 e 29 anos, o 35,3% está vinculado á empresa por medio dun contrato indefinido. O número de mozos con contrato indefinido aumenta un 18,1% respecto ao trimestre anterior, pero diminúe un 6,7% respecto ao mesmo trimestre de 2020.

O número de novos asalariados con contrato temporal aumenta un 19,6% respecto ao trimestre pasado, e un 23,9% respecto ao terceiro de 2020. A taxa de temporalidade para o colectivo de mozos de entre 16 e 29 anos sitúase no 64,7%.

GRANDES CIDADES

Se se comparan os datos das sete grandes cidades galegas (as que superan os 50.000 habitantes), Santiago e Lugo son as que presentan maiores taxas de ocupación (54,6% e 53,2% respectivamente).

Ferrol é o que ten menor taxa de ocupación (42,2%) e no referido a as taxas de paro Compostela é o que rexistra menor valor (5,3%) e Pontevedra o máis elevado (15,6%).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta