Xantar 2021, centrado na promoción da ‘Gastronomía dos Camiños’

O Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que se celebra en Expourense entre o 3 e o 7 de novembro, servirá de ‘reencontro’ para profesionais da enogastronomía e o turismo.

Por X.M. Fernández | Ourense | 29/10/2021 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

A edición 22ª do destacado evento gastronómico foi presentada este 27 de outubro en Expourense, nun acto no que participaron o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense, Gabriel Alén; o vicepresidente da Deputación de Ourense e presidente do INORDE, Rosendo Fernández; a concelleira de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense, Flora Moure, e o director xerente de Expourense e director de Xantar, Rogelio Martínez.

Presentación de Xantar 2021. Fotos: Prensa Expourense.
Presentación de Xantar 2021. Fotos: Prensa Expourense.

Xantar reunirá, a vindeira semana --do 3 ao 7 de novembro--, a 160 expositores e contará con 4 países representados: España, Portugal, Perú e Panamá. Contará con 8 restaurantes e 2 aulas gastronómicas, unha de catas e outra de degustacións.

A organización matiza que son datos inferiores aos de outras edicións dada a nova situación pandémica e polo feito de ter que ‘reinventar’ o evento para “ofrecerlle aos visitantes unha experiencia segura”. Sinalan tamén que “houbo que planificar unha feira con restaurantes máis amplos, aulas máis grandes e corredores máis anchos para garantir distancias e a seguridade entre comensais e asistentes ás actividades”.

PRESENZA GALEGA DESTACADA

No evento estarán presentes tres deputacións provinciais de Galicia: Ourense, Lugo e A Coruña; varios xeodestinos: Ribeiro-Carballiño, Manzaneda-Trevinca-Valdeorras, Terras de Celanova-Baixa Limia; grupos de desenvolvemento local: GDR 12 Ribeiro-Carballiño, ADR Pontevedra Norte; ou mancomunidades turísticas: Municipios do Camiño Francés e Barbanza Arousa.

EXPERIENCIAS ENOGASTRONÓMICAS

No que respecta ás actividades, Xantar 2021 reunirá a recoñecidos chefs dos 4 países presentes que impartirán obradoiros de cociña en directo enmarcados no ‘XVI Encontro Internacional de Gastronomía Saúdable e Sostible’ que ofrecerá ao público máis de 100 experiencias entre showcookings, catas comentadas, presentación e degustacións.

En total, calcúlase que se impartan uns 60 obradoiros de cociña en directo, unha vintena de catas comentadas –viños, meles, conservas de peixe e marisco, queixos, augardentes e licores—e outras vinte degustacións de produtos autóctonos.

'GASTRONOMÍA NOS CAMIÑOS'

Este será o fío condutor desta edición especial no Xantar, unha edición que por mor da pandemia tivo que trasladarse a finais deste 2021.

Así, pois, a promoción da gastronomía dos distintos ‘Camiños a Santiago’ terá un protagonismo especial no contexto do Xacobeo 21-22 no que estamos. Promoveranse os diferentes camiños a través de obradoiros e catas, pero tamén con pratos que ofrecerán os restaurantes presentes.

A feira reserva un espazo ás distintas mancomunidades e asociación que promoven  os camiños como a Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés ou a Asociación de Amigos da Vía da Prata, entre outras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta