Persoal médico e de enfermaría de PAC abandona o Consello Técnico de Atención Primaria

A creación dunha nova categoría fai "perigar a propia de PAC", indican. Ademais, xustifican o seu abandono dese foro porque non ven "utilidade ningunha neste Consello para poder mellorar a Atención Primaria".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2021 | Actualizada ás 16:37

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Medicina e Enfermaría de PAC (Agamepac) decidiu abandonar o Consello Técnico de Atención Primaria por non abordar "asuntos específicos" da súa categoría e tras o anuncio da creación dunha terceira nova categoría porque "periga a de PAC". Así o confirmou a Europa Press o presidente de Agamepac, Eduardo Díaz, quen explicou que ata o anuncio da Xunta de crear unha nova categoría de persoal médico que traballe en centros de saúde e PAC segundo necesidades, existían dúas: a de persoal médico de PAC e a de persoal facultativo de centros de saúde.

Por iso, consideran que esa "categoría todoterreo" na que "todo vale" deixa aos da existente de PAC "relegados". "A longo prazo pon en perigo a nosa categoría", afirmou. Nun escrito remitido ao Consello Técnico, ao que tivo acceso Europa Press, esta asociación explica que se ese órgano "está de acordo coa liña dos decretos do DOG e das decisións tomadas polas direccións asistenciais", para eles "non ten sentido trasladar temas de Atención Primaria a este foro", pois, ao seu xuízo, "está a decretarse e decidindo por outra vía xa trazada, utilizando este Consello unicamente para tentar argumentar unha eventual participación de diversos actores e asociacións en decisións que xa están tomadas con anterioridade".

"Neste suposto abandonamos porque entendemos que se nos utiliza para un fin ao que non estamos dispostos a colaborar. E se o Consello Técnico está en desacordo coa liña dos decretos do DOG, entón demóstrase a súa incapacidade para trasladar a eses decretos o que se expoña neste foro, revelándose como un organismo carente de utilidade", apostila Agamepac.

Neste suposto, xustifican o seu abandono dese foro porque non ven "utilidade ningunha neste Consello para poder mellorar a Atención Primaria". "Non consideramos así aos demais participantes do foro (sindicatos, asociacións, colectivos profesionais), aos que vemos participativos e implicados, pero aos que trasladamos tamén esta percepción, que seguro que algúns comparten connosco", engade Agamepac.

DESESTRUTURACIÓN

Por último, critican por parte desta asociación a creación "xa definitiva" de prazas estruturais dunha nova categoría flotante, vía OPE, con postos en varios centros de consulta e de PAC, "que ameazan directamente a lonxitudinalidade asistencial e a propia categoría actual de persoal sanitario de PAC".

"Neste suposto abandonamos, entenderán, porque non participaremos na desestruturación da categoría profesional que é a esencia desta asociación", conclúe o escrito remitido ao Consello Técnico de Atención Primaria. Con todo, o presidente de Agamepac subliñou que o seu colectivo está dispostos falar de "como mellorar a Atención Primaria" pero non da "desaparición" da categoría de persoal médico de PAC.

Persoal sanitario nun centro de saúde en Ourense
Persoal sanitario nun centro de saúde en Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta