O Sergas rexistrou máis de 2.000 activacións de ictus durante este ano

Sanidade lembra "a importancia de facer exercicio e manter unha dieta sa para reducir as posibilidades de sufrir un accidente cerebrovascular".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2021 | Actualizada ás 17:03

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) rexistrou 2.009 activacións vinculadas ao ictus durante os primeiros dez meses do ano 2021 e desde a posta en marcha en 2016 do Plan Galego de atención ao Ictus superou a cifra dos 12.000 códigos activados.

Así o informou a Consellería de Sanidade nun comunicado con motivo do Día Mundial do Ictus, que se celebra este venres, 29 de outubro. Respecto diso, lembra "a importancia de facer exercicio e manter unha dieta sa para reducir as posibilidades de sufrir un accidente cerebrovascular", así como "a necesidade de levar un control sobre a tensión, o azucre e o colesterol; ademais de evitar hábitos tóxicos, como o tabaco".

En canto ás fibrinolises intravenosas, Sanidade indica que se rexistraron máis de 2.200 e, no caso das trombectomías mecánicas realizadas neste lustro, superáronse as 1.300. Mediante o Plan galego de atención ao ictus, a Xunta articulou unha rede de atención para toda Galicia, incide Sanidade, "cunha xestión que funciona como unha área única ao ser coordinada pola Central de Atención ao Ictus" (CAI).

Nesta central, activa as 24 horas dos 365 días do ano, un equipo de neurólogos expertos en manexo e diagnóstico de ictus, ofrece a través da telemedicina, soporte ao persoal médico responsable de calquera dos hospitais da rede sanitaria galega, tendo un acceso directo a videoconferencia entre centros e podendo empregar a historia clínica electrónica como elemento integrador da información.

A rede asistencial galega conta con tres Unidades de Ictus emprazadas nos complexos hospitalarios de Santiago de Compostela, A Coruña e no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Así mesmo, os hospitais de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Burela e o concertado Povisa, contan con senllos Equipos Ictus.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado pola xerente da área sanitaria de Santiago-Barbanza, Eloína Núñez Masid, visita a nova unidade de ictus do Hospital Clínico.. XUNTA
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado pola xerente da área sanitaria de Santiago-Barbanza, Eloína Núñez Masid, visita a nova unidade de ictus do Hospital Clínico.. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta