Os colexios médicos non descartan ir por vía xudicial contra a Xunta por "menoscabar competencias dos facultativos"

Lembran ao Sergas que "unicamente un cambio na lei" pode "facer posible a transferencia de competencias"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2021 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

O Consello Galego de Colexios Médicos recorrerá vía administrativa e, "se en necesario, xudicial", "o menoscabo de competencias dos facultativos" exposta polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) en Atención Primaria e lémbralle que "unicamente un cambio na lei" pode "facer posible a transferencia de competencias".

Así o informou a entidade colexial nun comunicado, no que lamenta que se "decatou pola prensa da pretensión de habilitar aos farmacéuticos para a prescrición en determinadas circunstancias", ademais de derivar a demanda asistencial ao persoal administrativo dos centros de saúde porque "se trata dun proceso diagnóstico que ten que levar a cabo un facultativo", subliña.

"Nos últimos días, o Consello Galego de Colexios Médicos, a través dos medios de comunicación, tivo noticia dunha serie de medidas relacionadas coa Atención Primaria que o Servizo Galego de Saúde pretende pór en marcha, e que a institución considera cuestionables tanto no fondo como na forma", reprocha a entidade colexial.

Para os médicos galegos, "cada profesión sanitaria, tanto nos plans de estudo como no seu exercicio, teñen recoñecidas certas competencias que se regulan, de forma moi clara, na lexislación". Por iso, advirte o Colexio de Colexios Médicos que "unicamente un cambio da lei pode facer posible a transferencia de competencias dunha profesión a outra", que é o que, denuncia, "está a tentar facer a Consellería de Sanidade para compensar a falta de profesionais médicos no sistema sanitario".

O obxectivo da regulación das competencias, incide a institución colexial, "é garantir aos cidadáns que materias e técnicas son responsabilidade de cada profesión sanitaria, o que redunda na seguridade de todos". "Calquera decisión que implique apartarse dese camiño supón un risco para os cidadáns, e mesmo pode incorrer en intrusismo profesional", advirte.

"Os colexios, na súa responsabilidade constitucional de defender non só os intereses da profesión, senón fundamentalmente da cidadanía, non podemos quedarnos de brazos cruzados", explican no comunicado.

Por iso, o Consello Galego de Colexios Médicos asegura que se ve "obrigado" a recorrer as medidas expostas polo Sergas "en vía administrativa e, se é necesario, xudicial" porque "os problemas da Atención Primaria non se solucionan transferindo competencias dos facultativos a outras profesións, algunhas, aínda por riba, non sanitarias", apostila.

Médicos interinos e eventuais protestan en Ferrol
Médicos interinos e eventuais protestan en Ferrol

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta