Caballero chama ao voto "libre e sen presións" nas primarias do PSdeG e Formoso pide "participación masiva"

Os candidatos animan aos militantes a achegarse ás urnas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/10/2021 | Actualizada ás 12:41

Comparte esta noticia

O candidato do PSdeG ás primarias Gonzalo Caballero acudiu á súa agrupación, en Vigo, a emitir o seu voto, á vez que aproveitou para lanzar un chamamento "aos máis de 10.000 militantes" chamados a participar no proceso a que fagan o propio e acudan ás urnas "con liberdade e sen ningún tipo de presión, pensando no mellor PSdeG".

Valentín González Formoso vota no proceso de primarias no que é candidato
Valentín González Formoso vota no proceso de primarias no que é candidato | Fonte: EQUIPO DA CANDIDATURA.

Ante un proceso no que compite co presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, preguntado polos enfrontamentos que se produciron nas últimas semanas, Caballero rexeitou polemizar nesta xornada e asegurou que a encara as primarias como unha "festa da democracia" interna.

Non en balde, asegurou que lle "encantan" as primarias e que, ao seu modo de ver, "votar sempre é positivo". Neste caso, subliñou que se os galegos socialistas "acertan" abrirase a porta a un PSdeG "máis forte" e capaz de "servir mellor" á Galicia post covid, que debe ser, baixo o seu punto de vista, o obxectivo último.

"O voto dá a posibilidade de acertar pensando nas claves do futuro", proclamou, convencido de que os socialistas están "plenamente comprometidos con Galicia" e teñen que seguir traballando "a prol de Galicia".

"Encaro estas primarias como unha festa da democracia, con ilusión, forza e ganas. Pido unha participación masiva á militancia, que todos vaian votar e decidan co seu voto libre, en conciencia e sen ningún tipo de presión cal é o mellor futuro para o PSdeG. Seguro que cunha participación masiva conseguiremos alcanzar o mellor rumbo para o futuro do partido", aseverou.

Gonzalo Caballero vota na súa agrupación, no proceso de primarias do PSdeG
Gonzalo Caballero vota na súa agrupación, no proceso de primarias do PSdeG | Fonte: PSdeG.

Á marxe de manter contacto con "moitos" dos seus compañeiros de partidoe do seguimento da xornada electoral interna, Caballero recoñeceu que reservará un tempo na tarde deste sábado para a vida familiar.

Segundo explicou, o seu fillo está este domingo de aniversarios e na tarde deste sábado celébrao en casa cos seus amigos do colexio, polo que prevé acompañalo. Farao, recalcou, tras implicarse a fondo e percorrer toda Galicia nunha campaña intensa.

"A min encántanme as primarias, encántame que a militancia poida decidir", concluíu Caballero, quen considerou "importante" que "todos" os afiliados de Galicia "busquen un oco de tempo para ir votar" porque está "en xogo" o futuro do PSdeG. "E o futuro do PSdeG determina o futuro de Galicia", apostilou.

FORMOSO

O outro candidato, Valentín González Formoso, emitiu o seu voto na súa agrupación das Pontes, localidade na que é rexedor, e desde onde chamou á "participación masiva" no proceso interno activado na formación. O aspirante tamén garantiu "integración" se resulta gañador este sábado.

Formoso, tamén presidente da Deputación da Coruña, remarcou a mensaxe de que todos os socialistas participen de forma "masiva" no proceso de primarias, co fin de "servir de exemplo á cidadanía galega".

"Hoxe é un día francamente bonito para esa expresión democrática que só o PSOE pode gozar internamente, como son as primarias", sentenciou, antes de subliñar que é "o día no que o PSdeG ten que dar exemplo á cidadanía galega" de que os socialsitas están "implicados" nos procesos democráticos e saben "gozar" dos mesmos.

Para o candidato é "moi importante" que a militancia "teña a potestade de escoller os seus liderados" a través dunha ferramenta que sitúa ao PSOE --dixo-- "á vangarda na implantación dos procesos democráticos na vida política".

Pola tarde, González Formoso íase desprazar ata a sede do PSdeG, en Santiago, para realizar desde alí, a partir das 20,30 horas, un seguimento do proceso electoral e do reconto de votos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta