A Xunta insta ao Goberno central a publicar os currículos "antes de fin de ano" para "chegar a tempo" ao curso

Este posible atraso dos currículos xera grandes incertezas para as comunidades xa que teñen que adaptar os diferentes niveis educativos e "deseñar novas materias" para o seguinte curso

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/11/2021 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reiterou a súa "preocupación" polo atraso do Goberno do Estado na publicación dos currículos das diferentes etapas adaptados á última Lei de Educación, a chamada 'Lomloe'. Neste sentido, instou ao Ministerio do ramo a sacar estes documentos "antes de fin de ano" para evitar o "risco" de non chegar a tempo ao próximo curso.

Estes textos representan "unha peza fundamental" do sistema educativo, destacou, posto que deles deriva todo o traballo de organización da actividade docente, materias e mesmo etapas do sistema. O Goberno central resérvase o 50 por cento dos contidos mentres que as comunidades autónomas contan coa metade restante para adaptalos ao seu propio contexto.

Román Rodríguez reúnese cun dos grupos de traballo que estudan o desenvolvemento dos currículos adaptados á Lomloe.. CONCHI PAZ
Román Rodríguez reúnese cun dos grupos de traballo que estudan o desenvolvemento dos currículos adaptados á Lomloe.. CONCHI PAZ | Fonte: Europa Press

O titular galego de Educación reuniuse este martes cos máis de 130 profesionais, entre profesores, inspectores e directores, dos 27 grupos que levan semanas abordando o deseño dos contidos académicos de competencia autonómica. Rodríguez insistiu en que a Xunta se atopa traballando neste campo "consciente de que só se coñecen borradores" destes currículos a partir da prensa.

A problemática radica, segundo explicou, nunha cuestión de prazos: Galicia necesita que estes documentos se publiquen no Boletín Oficial do Estado para poder avanzar na tramitación da parte que lle corresponde á comunidade.

O conselleiro advertiu de que a media dos prazos de tramitación dun decreto sitúase "entre cinco e seis meses", o que podería atrasar a publicación ata finais deste curso ou máis aló e levar a "situacións complicadas" para o próximo período académico.

É por iso que o atraso da parte correspondente ao Ministerio de Educación xera "grandes incertezas" para toda a cadea do sistema, engadiu, posto que as comunidades deben "deseñar novas materias" e adaptar os diferentes niveis educativos, como o novo bacharelato, á Lomloe, o que afecta tanto o traballo dos profesores, dos educativos como ao sector editorial á hora de elaborar os manuais e contidos didácticos.

CHEGAR "CON CERTEZAS"

Todo iso necesita "certa antelación" para poder "chegar a tempo" e empezar con tranquilidade e normalidade o curso 2022-2023, reiterou Rodríguez, dado que en caso contrario o sistema educativo vai ter " un problema".

O conselleiro do ramo asegurou, en todo caso, que Galicia está "preparada e traballando" neste campo a pesar de que non se coñece o contido definitivo destes documentos por parte do Estado, aínda que reclamou que o Ministerio publique os currículos antes de que termine o ano para poder desenvolver a parte que lle corresponde á comunidade "con certezas" e "evitar un problema".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta