A presidenta da Deputación de Pontevedra volve rexeitar acudir ao Parlamento a defender os orzamentos

Carmela Silva presenta un orzamento "transformador e valente" de 179,5 millóns.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 02/11/2021 | Actualizada ás 17:50

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, presentaron este martes os orzamentos da institución provincial para o ano 2022, que se elevan ata 179,5 millóns de euros, cun crecemento dun 6,86% respecto ao anterior. Unhas contas que son "transformadoras e valentes", en palabras de Silva, quen volveu  rexeitar acudir ao Parlamento galego a defender os orzamentos.

Presentación dos orzamentos da Deputación de Pontevedra, coa presidenta, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera
Presentación dos orzamentos da Deputación de Pontevedra, coa presidenta, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera | Fonte: RAFA ESTEVEZ - DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA.

Esta cifra incrementarase ata superar os 200 millóns, por exemplo, co plan ReacPon e coa incorporación dos fondos europeos, dos que a día de hoxe están xa comprometidos uns 17 millóns, indicaron.

O próximo día 12 de novembro celebrarase un pleno extraordinario no que se aprobarán inicialmente estes orzamentos co obxectivo de que en decembro o estean definitivamente "máis rápido que nunca" e así os concellos da provincia poidan dispor del, xa que o 90% das obras que se fan nos concellos de menos de 50.000 habitantes fináncianse cos fondos que achega a Deputación.

César Mosquera sinalou que as contas provinciais apenas supoñen o 1,5% do orzamento da Xunta de Galicia e con todo a Deputación está "a taparlle unha serie de faltas", en referencia a aquelas competencias que debería asumir a administración autonómica como son a Escola de Enfermaría, o centro Príncipe Felipe, os Consorcios de Bombeiros ou os servizos sociais. "E aínda ameazan coa Lei de Augas para obrigar á Deputación a pór máis diñeiro para competencias da Xunta", censurou.

AUSENCIA DO PARLAMENTO

A presidenta da Deputación de Pontevedra remitirá o proxecto orzamentario á Cámara galega pero, de novo en atención ao "principio de autonomía local", polo que as entidades locais "non están supeditadas aos parlamentos autonómicos", non acudirá a explicar os números ao Pazo do Hórreo.

Desde 2017, Carmela Silva xa rexeitou asistir á Cámara galega a explicar as contas, unha actuación que ese ano foi secundada polo tamén socialista e daquel presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, que si acudiu ao día seguinte.

Desde 2007 (para os orzamentos de 2008), os presidentes das catro deputacións provinciais deben comparecer na Comisión de Orzamentos da Cámara autonómica ininterrompidamente ata 2017, aínda que non sempre foi así.

De feito, en novembro de 2005, os servizos xurídicos do Parlamento emitiron un informe --o mesmo que se esgrime agora-- sobre a comparecencia dos presidentes das deputacións na Comisión de Orzamentos da Cámara, despois de que PSdeG e BNG, daquela en coalición no Goberno da Xunta e con maioría parlamentaria, solicitasen a presenza de todos eles.

Daquela, os presidentes provinciais do PP --Ourense (José Luís Baltar), Lugo (Cacharro Pardo) e Pontevedra (Rafael Louzán)-- rexistraron senllos escritos nos que rexeitaban comparecer ante os deputados da Cámara galega. Pola súa banda, a Deputación da Coruña dirixíaa o socialista Salvador Fernández Moreda.

"Como a nosa posición non variou e igual que fixemos en anos anteriores, remitiremos o orzamento para o coñecemento da comisión", explica Silva na carta que remitiu á Cámara galega para declinar a invitación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

A Carmela non a molesten, está descansando... https://www.google.com/maps/d/viewe... E logo todos falando dos Marqueses de Galapagar, pero da Marquesa de Toralla nin pío !!!