O desemprego sobe en Galicia en outubro, mentres baixa en España

Sobe case en 1.000 persoas, mentres que a nivel estatal a baixada foi de 734 persoas. Paradoxicamente, as prestacións por desemprego baixan.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2021 | Actualizada ás 10:18

Comparte esta noticia

O número de parados rexistrados nas oficinas de emprego en Galicia subiu en 991 persoas en outubro, un incremento do 0,65% respecto ao mes anterior, o que contrasta coa baixada media estatal do -0,02%. O total de parados ascende a 154.045.

Na comparativa cun ano antes, o paro baixa en 27.262 persoas en Galicia, un 15% menos que en outubro de 2020. Neste caso supón unha caída lixeiramente superior á media española (-14,87%).

Arquivo - Cartel dunha oficina do SEPE o día no que se coñeceron os datos de paro de marzo, a 6 de abril de 2021, en Madrid (España). O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) baixou en 59.. Alejandro Martínez Vélez - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Cartel dunha oficina do SEPE o día no que se coñeceron os datos de paro de marzo, a 6 de abril de 2021, en Madrid (España). O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) baixou en 59.. Alejandro Martínez Vélez - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Por provincias, a subida do paro en Galicia débese ao incremento en 1.296 desempregados na provincia de Pontevedra (+2,21%), xa que se reduciu en Lugo (271 menos, -1,81%) e en Ourense (34 menos, -0,19%). Mentres, na Coruña mantense sen variación.

Respecto ao décimo mes do ano anterior, hai un descenso xeneralizado no catro provincias. Así, os 61.785 desempregados da Coruña son 11.930 menos que en outubro de 2020 (-16,18%). Os 59.994 parados de Pontevedra supoñen 9.071 menos (-13,13%). En Ourense quedan en 17.573 (2.895 menos, -14,14%). Finalmente, as persoas en paro quedan en 14.693 en Lugo (3.366 menos, -18,64%).

Por sexos, hai 63.657 homes en paro e 90.388 mulleres. Os menores de 25 anos en desemprego son un total de 6.666 (3.348 homes e 3.318 mulleres).

En España, o número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) baixou en 734 desempregados en outubro (-0,02%), o seu primeiro retroceso neste mes desde 1975, primeiro ano do que hai rexistros, dato que o Ministerio cualificou de "excepcional".

SOBE EN AGRICULTURA E SERVIZOS

Por sectores, increméntanse os desempregados en agricultura (404 máis) e servizos (240 máis), que se elevan a un total de 5.444 e 108.289 parados, respectivamente.

En cambio, redúcese en industria (24 menos), cun total de 17.119 desempregados, e construción (75 menos), que queda en 10.770. Pola súa banda, o colectivo sen emprego anterior tamén aumentou a súa cifra de parados, en 446 persoas, de modo que o total alcanzou as 12.423.

Os demandantes de emprego na comunidade, un total de 212.610, distribúense entre 30.068 ocupados, 16.599 que indicaron na súa solicitude condiciones especiais de traballo e 165.943 non ocupados. Estes últimos son 953 máis que en setembro (+0,58%), pero 29.730 menos que no mesmo mes de 2020 (-15,19%).

Respecto dos estranxeiros que en Galicia están en desemprego, soben a 10.332 (a maior parte extracomunitarios, 6.849), son 251 máis, un 2,5% intermensual, e 3.348 menos en variación anual, o que supón un descenso do 24,49%.

MENOS PRESTACIÓNS

O gasto en prestacións por desemprego situouse en setembro en Galicia en 88,1 millóns, o que supón un descenso do 1% respecto de agosto, segundo informa este mércores o Ministerio de Traballo e Economía Social --son datos que sempre levan un mes de atraso con respecto aos do paro--.

Así, o número de beneficiarios galegos descendeu a 84.491, o que se traduce en 3.103 menos que o mes anterior. Entre eles, hai 13.402 con prestación contributiva por ERTE derivado da pandemia. Deste xeito, a contía media de prestación contributiva por beneficiario en Galicia é de 839,5 euros ao mes, por baixo da media española de 862,2 euros.
Pola súa banda, os beneficiarios que son estranxeiros na comunidade galega son 3.852, repartidos entre 1.510 comunitarios e 2.342 extracomunitarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta