Temas: CRTVG

O orzamento da CRTVG crece ata os 121,6 millóns, un 10% máis, que se dedicará ao pago polo conflito do IVE

A oposición censura a "falta de compromiso" para "regularizar" a situación do persoal

Por E.P. | Santiago de Compostela | 03/11/2021 | Actualizada ás 20:26

Comparte esta noticia

O orzamento da Corporación Radio Televisión de Galicia ascenderá o próximo ano 2022 ata os 121,6 millóns de euros, un 10% máis que o pasado ano e que se dedicará de forma case exclusiva ao abono das contías correspondentes ao conflito con Facenda pola tributación das televisións do Imposto do Valor Engadido.

O director xerente da área de xestión corporativa da CRTVG, Miguel Rodríguez Barrio
O director xerente da área de xestión corporativa da CRTVG, Miguel Rodríguez Barrio | Fonte: CRTVG.

Así o explicou o director xerente da área de xestión corporativa do ente público, Miguel Rodríguez Barrio, ante a Comisión 3ª do Parlamento galego, á que acudiu a presentar as contas da CRTVG en substitución do director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, quen escusou a súa presenza por motivos de saúde.

Deste xeito, a CRTVG disporá en 2022 duns 11,2 millóns de euros máis que este ano. Un incremento orzamentario que responde case na súa totalidade ao capítulo de tributos, ao que se asignan 10,5 millóns de euros para dar cobertura á problemática fiscal derivada do litixio coa Administración central polo abono do IVE para as televisións autonómicas, un conflito que se remonta a comezos da década pasada.

As contas da corporación, que se sustentan case na súa totalidade nas achegas da Administración autonómica con 114,5 millóns que representan o 94% do total e compleméntanse cos 6,3 millóns que proceden da publicidade, dedican 53,9 millóns a recursos humanos e outros 36 a investimentos na industria audivisual galega.

Ademais, tamén reserva 35,7 millóns para compras e outros 15,5 millóns para servizos exteriores, así como 2,3 millóns para inmovilizaciones materiais e 1,2 millóns para dixitalización. As compras de dereitos deportivos ascenden un 28% respecto de 2020 ata os 1,3 millóns de euros, cantidade similar á que se destina ao apartado de dobraxes.

Por contra, descenden as partidas para viaxes (0,8 millóns) e para publicidade, propaganda e relacións públicas (0,1). Tamén baixa, segundo concretou a preguntas dos grupos o responsable do ente público, o capítulo de reservas para facer fronte a decisións xudiciais debido á baixada de litixios.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Pola súa banda, os grupos da oposición lamentaron a "falta de compromiso" da dirección do ente público para concluír coa "precariedade" nas condicións laborais dos traballadores da CRTVG. Sobre isto, Rodríguez Barrio respondeu que a futura OPE dará cobertura "ao cento por cento" das vacantes existentes no persoal.

Para a parlamentaria socialista Noelia Otero, as contas para 2022 reflicten o "deixamento" da dirección da CRTVG en materia de persoal, á vez que considera "continuista" o investimento en asuntos como o apoio á ficción galega, "que non chega a 0,9 millóns de euros".

Pola súa banda, a deputada María González Albert (BNG), que tamén puxo o acento na "ausencia" de partidas en materia de consolidación de postos de traballo, botou en falta compromisos orzamentarios para levar a cabo accións de igualdade, despois dos "episodios de machismo" vividos na TVG este ano.

Por contra, a parlamentaria do PPdeG Raquel Arias acusou á oposición de trazar unha situación "irreal" na radio e televisión públicas, da que destacou a súa aposta pola modernización con contidos en redes sociais como 'Dígocho eu'.

Temas: CRTVG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Riolo

El futuro de Galicia pasa por el cierre de este ruinoso chiringo llamado popularmente Telegaita. El que la quiera ver que la pague.

1 Gamela

Resumindo: Luar & LandRober & Xacobeo 2022