Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/11/2021 | Actualizada ás 20:59
O PSOE de Castrelo de Miño remitiu á Consellería de Sanidade un escrito no que pide que se tomen as medidas pertinentes ante o que cualifica como unha "grave neglixencia" do alcalde, o popular Avelino Pazos, por non informar "debidamente" dun aumento do nivel de arsénico na auga da parroquia de Macendo.
Os socialistas explican que hai uns días o rexedor facía públicas na prensa unhas declaracións nas que afirmaba que nesta parroquia, que engloba 14 núcleos de poboación, houbo problemas de aumento dos niveis de arsénico na auga.
Con todo, censura que o rexedor "non informou aos veciños de dita problemática, nin a través de bandos, nin das redes sociais do Concello", "tal e como indican os protocolos de sanidade".
O Grupo Municipal Socialista considera que esta forma de actuar do máximo representante político do concello, "ocultando información de saúde pública aos veciños", é unha "grave neglixencia" xa que, "coa súa forma de actuar, "puxo en perigo a saúde dos veciños".
Ante estas cuestións, o PSOE de Castrelo de Miño decidiu pór en aviso da situación á Consellería de Sanidade para que tome "as medidas oportunas" e "evite que este ocultamento de información por parte do goberno municipal se volva producir".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.