Así é o traballo da limpeza industrial, un traballo de risco e invisible

A limpeza industrial é a necesaria para o funcionamento de todo tipo de fábricas e grandes empresas. Non está recoñecida nos convenios laborais como tal a pesar do uso de maquinaria especializada, produtos químicos abrasivos e unhas condicións de seguridade para traballadores e traballadoras carentes de medidas axeitadas para os labores neste campo.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 08/11/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A pesar de que existen manuais na Internet definindo a limpeza industrial, segundo fontes sindicais non hai apartados específicos para este campo do mantemento en instalacións de produción industrial. Así, os traballos en chemineas, fornos de fundición, industria cárnica e de conserva (despece de carne e corte de peixe conxelado), son realizados maioritariamente por persoal limpador ou peón-limpador. Os riscos destas tarefas son múltiples: queimaduras, exposición a axentes abrasivos e químicos, limpeza de maquinaria perigosa e accidentes derivados dela. Á parte, este sector está moi masculinizado dentro dun sector, o da limpeza, é maioritariamente ocupado por mulleres.

Limpeza industrial
Limpeza industrial

DIFERENZAS E RISCOS

Os convenios provinciais galegos recollen as categorías de limpador e limpadora, limpador ou limpadora especialista e conductor-limpador. A cuestión é que non se recolle unha categoría que especifique unha categoría para englobar a limpeza dunha cadea de montaxe, por exemplo, da limpeza dun edificio ou dunhas oficinas. “Deberan ter unha categoría máis porque o seu labor pode desenvolverse nun forno de fundición ou chemineas” di María Jesús García de UGT. “Maioritariamente son traballadores limpadores quen traballa nestas áreas”.

A falta de recoñecemento sobre estas tarefas dentro dos convenios de limpeza en Galicia pode implicar a existencia de riscos para persoas sen experiencia previa. “Pedimos un articulado á parte para desenvolver unha definición específica para este tipo de tarefas” di Alejandra Gesto de CCOO. Esta falta de definición e de requerimentos específicos permite que traballadores e traballadoras sen experiencia poidan realizar “traballos en altura ou conducir maquinaria moi específica, facer iso supón un risco moi grave para a xente enviada a eses postos”.

“Sindicalmente é unha eiva que non se recoñeza o traballo de limpeza industrial, aínda que realmente é un fallo de todas as partes” sinala Paulo Rubido da CIG. Puntualmente si se está negociando con algunhas empresas a aplicación de regulacións para frear a sinistralidade coa limpeza de máquinas. Un exemplo son os matadoiros ou as empresas de conserva. Estas deben pasar inspeccións moi esixentes e aí, para limpar o lugar “empréganse produtos químicos moi fortes ou hai maquinaria que se non se sabe levar, pode producir accidentes graves”.

FORMACIÓN?

Existe formación para este tipo de traballos? “Temos constancia que no caso de Navantia ou na refinaría de Coruña existen cursos de formación previos antes de entrar como persoal de limpeza” sinala Gesto. “O persoal de limpeza en hospitais debe pasar por unha formación específica debido ao tratamento de determinados resíduos”.

Por outra parte, a formación en moitas ocasións non pasa de ser un simple paso burocrático dentro da sinatura dun contrato. Así “a maior formación nalgúns casos é ler un manual de medidas de seguridade, ás veces nin iso, e logo asinar como se se fixese un curso de seguridade”, sinala María Jesús García. Paulo Rubido destaca que “a formación moitas veces é aquela vinculada coa obtención de determinados permisos para a condución de maquinaria especial ou a manipulación de elementos químicos”.

As forzas sindicais coinciden na necesidade de crear apartados específicos para as actividades de mantemento e limpeza en industrias. Consideran moi necesario crear unha serie de especificidades que definan unha área de traballo aínda sen recoñecer e onde os riscos laborais aumentan en comparación coa limpeza de edificios e locais.

Á parte está a formación necesaria para o uso de maquinaria e produtos de limpeza máis agresivos, debido ás esixencias máis duras en empresas metalúrxicas, químicas, agroalimentarias e sectores laborais de risco. Isto implica tamén o uso de material de traballo axeitado ás tarefas encomendadas, pois algúns empregos precisan de material resistente a altas temperaturas ou o uso de arneses para a limpeza en alturas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta