Formoso pide actualizar o Estatuto en materia de competencias locais

O presidente da Deputación coruñesa presenta unhas contas para 2022 con 189.235.000 euros, un 2,57 por cento máis.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 04/11/2021 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, lanzou este xoves na Cámara galega a proposta de reformar o artigo 49 do Estatuto para abordar en materia de competencias locais e un acordo de todas as forzas políticas para conseguir un novo Pacto Local de Galicia". Así, defendeu un novo modelo de financiamento local ante as "numerosas competencias" que a Xunta deriva ás deputacións e municipios e, nesta liña, tamén reclamou melloras na autonomía das entidades locais e un impulso á prestación compartida de servizos.

Formoso levou estas demandas á Comisión de Orzamentos da Cámara galega, na que explicou que as contas ascenderán a 189.235.000 para o próximo ano, un 2,57 por cento máis que no actual curso. Respecto diso, afirmou que se financiarán con cargo a fondos propios, sen recorrer a crédito, é dicir, "mantendo a actual situación de débeda cero" da institución provincial.

Na súa intervención, detallou que o plan único ten unha consignación inicial de 47,4 millóns e incluirá 7 millóns para gasto social nos concellos. Así mesmo, explicou que o plan de emprego local recolle 12,6 millóns de euros e os plans de mellora da rede provincial de estradas ascenden a 14,6 millóns.

Así, e no ano en que se cumpren 40 da promulgación do Estatuto de Autonomía, González Formoso reclamou a "actualización" deste marco no seu artigo 49, para unha "autonomía local cun compromiso directo e vinculante de achega de recursos aos gobernos locais", como xa recollen outros estatutos de comunidades como a valenciana, Andalucía, Cataluña, Aragón ou Estremadura.

RECURSOS SUFICIENTES

Ademais, defendeu a necesidade de dotar as administracións locais de recursos económicos "suficientes" para "atender adecuadamente ás numerosas competencias que a normativa autonómica lles atribúe" e avogou por "racionalizar, sistematizar e describir adecuadamente as competencias que a Xunta deriva a concellos e deputacións de forma dispersa e sen financiamento".

En canto ao fondo de cooperación local, pide unha asignación específica dirixida ás deputacións, co fin de cumprir o artigo 142 da Constitución e "garantir a adecuada prestación de servizos públicos, atribuídos ás deputacións e concellos sen financiamento autonómico suficiente". "Os obxectivos indicados deberían abordarse adecuadamente a través dun novo pacto local de Galicia que actualice a relación de competencias, que concrete as condicións óptimas de prestación e financiamento dos servizos públicos desde un acordo amplo de todas as formacións políticas", propuxo.

O PP LAMENTA QUE NON SE COÑECERON ANTES

Pola súa banda, o deputado do PP Rubén Lorenzo, quen non pasou por alto o proceso de primarias socialistas, lamentou que estas contas non fosen debatidas previamente na sede provincial, ao que Formoso respondeu que o seu partido "vai ter todos" os detalles dos números que se presentaron.

Ademais, e tras lembrar que o bipartito provincial non ten maioría absoluta como é o caso de Pontevedra, destacou que o PP non se "opuxo" ás contas anteriores. "Entendo que non son tan tremendas como acaba de expor aquí", replicoulle ao deputado popular.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na súa comparecencia na comisión de orzamentos do Parlamento de Galicia
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na súa comparecencia na comisión de orzamentos do Parlamento de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta