Sindicatos rexeitan que a nova categoría médica de AP se cubra por concurso de méritos

Apuntan "discriminación" con outras especialidades, que "agora non é constitucional" e "rompe co sistema de mérito e capacidade".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/11/2021 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

Sindicatos con representación na Mesa Sectorial como CIG-Saúde, Comisións Obreiras e UGT criticaron este xoves que a cobertura de prazas de Atención Primaria vacantes coa nova especialidade de persoal médico especialista deste nivel asistencial se leve a cabo por concurso de méritos.

Tras a reunión da Mesa Sectorial na que representantes do Sergas presentaron aos sindicatos CIG, CCOO, UXT, Satse e CSIF esta nova categoría profesional e a cobertura de prazas en Atención Primaria con estes especialistas para paliar a falta de persoal médico, o portavoz de UGT, Javier Martínez, manifestou a Europa Press que convocalas por concurso de méritos "é romper coa dinámica do sistema de mérito e capacidade".

Ademais, criticou que non se aclarou se "van traballar nun centro de saúde ou varios", á vez que outras cuestións sobre as gardas en PAC. "A negociación é obrigatoria, pero o acordo non", insistiu, polo que se mostrou en desacordo con "esta indefinición". Tamén por parte de UGT reprocharon que "non se abra o melón dunha promoción horizontal a determinadas categorías e se poidan trasladar dun centro a outro".

Nesta liña, por parte de Comisións Obreiras, Javier González asegurou a Europa Press que a día de hoxe ascenden a 55 as prazas que sairán a concurso de méritos por non estar cubertas, pero avisou de que poden "ser máis" cando se resolvan en "maio-xuño". Sobre o "plus de atención urxente" que vai cobrar este persoal médico por facer gardas, ademais, en PAC, por parte de CCOO sinalaron que supón "176 euros máis" que o resto de persoal.

"SITUACIÓN GRAVE"

Por parte dos sindicatos comentaron que o Sergas lles trasladou que a "situación é grave" e "teñen que xestionar" para paliar o déficit de profesionais. Mentres, por parte de CIG-Saúde, María Xosé Abuín sinalou a "preocupación de que se faga un concurso de méritos" para adxudicar as prazas para esta nova categoría médica en Atención Primaria, xa que é "discriminatorio".

Con todo, esta central sindical considera que "debería haber alguén que asumise a responsabilidade" de chegar a esta situación de falta de profesionais porque "isto estaba previsto que ía suceder". Así, lembrou que o Goberno galego apostou por "facer máis con menos; menos calidade e máis carga de traballo". Abuín advirte de que "van crear un conflito entre os profesionais" por convocar concurso de méritos para cubrir esta categoría nova, porque "non pode haber discriminación no acceso a emprego público".

Tamén por parte de Satse, o seu responsable en Galicia, Lourdes Carbajo, rexeitou que non están de acordo en que "lles dean carreira profesional estando nada máis tres anos" canto a outras categorías como matronas, fisioterapeutas ou enfermaría deben ter cinco anos, o que ven "un agravio comparativo". O outro punto no que Satse non está de acordo radica en que lles outorguen unha praza en propiedade "por méritos" soamente cando noutras categorías se presentan a oposición. "Ou para todos ou para ningún", reivindica.

En canto a CSIF, o seu representante Carlos Castro manifestou a Europa Press que "é unha maneira de enganchar á xente" e que esta tramitación "vai por lei". Con todo, non ve "desatinado" que agora se aplique a esta categoría e "despois a outras".

Persoal sanitario nun centro de saúde en Ourense
Persoal sanitario nun centro de saúde en Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta