O Sergas avanza na creación das unidades multidisciplinares para unha "maior eficiencia" dos recursos

Todas deberán contar cun plan funcional que deberá "definir os seus obxectivos e actividades".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2021 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde avanza na creación das unidades multidisciplinares de atención asistencial que evitarán aos paciente "periplos innecesarios" e que xorden para "garantir unha mellor atención e un mellor uso dos recursos", así como unha "maior eficiencia".

Así o explica a Consellería de Sanidade nun comunicado, con motivo da publicación este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) dunha orde pola que se regula a creación, composición, organización e funcionamento das unidades funcionais multidisciplinares de atención asistencial no Sergas.

Deste xeito, Sanidade destaca que a Xunta cumpre un mandato do Parlamento de Galicia, que aprobou por unanimidade o pasado mes de febreiro unha proposición non de lei que solicitaba a regulación e homoxeneización das unidades multidisciplinares de mama e avanzar nas doutras patoloxías.

Por iso, coa orde publicada, Sanidade destaca que se pretende establecer un modelo xeral de atención en unidades funcionais multidisciplinares, co fin de "outorgar unha atención de máxima calidade a determinadas patoloxías ou especialidades que requiren dunha intervención multidisciplinar".

ATENCIÓN COORDINADA

Sanidade incide en que se trata de establecer un sistema ou modelo de organización dos recursos asistenciais que o Sergas pon a disposición da cidadanía "máis eficaz, eficiente e completo", de modo que, no caso de determinadas patoloxías ou problemas médicos que poida padecer unha persoa, estes "sexan atendidos de modo coordinado polos distintos servizos médicos que se considere preciso que interveñan", engade.

Como exemplo deste modelo, Sanidade destaca as unidades funcionais multidisciplinares Post-Covid, ou as de enfermidades raras, nas que se observou na práctica as necesidades deste tipo de ordenación e organización funcional.

Para o Sergas este modelo "busca evitar aos paciente periplos innecesarios e garantir unha mellor atención e tamén un mellor uso dos recursos e unha maior eficiencia".

Estas unidades contarán con diferentes disciplinar de ámbito sanitario e socio sanitario que, matiza, "se dimensionarán en función da patoloxía concreta á que vai destinada a súa creación", así como a carga asistencial esperada.

PLAN FUNCIONAL

Segundo a orde publicada, todas as unidades que se cren deberán contar cun plan funcional que "deberá definir os seus obxectivos e actividades". Á fronte de cada unidade designarase unha persoa, entre o persoal facultativo especialista, que se responsabilizará da coordinación da unidade, especifica a orde do DOG.

Ademais, disporán dun comité clínico que estará composto polos membros básicos da unidade e por aquel outro profesional dos distintos niveis asistenciais, primaria e hospitalaria que sexa necesario en función das necesidades de cada paciente. As decisións do comité clínico quedarán reflectidas na historia clínica do paciente como episodio asociado a consultar externas da unidade.

Consulta nun centro de atención primaria do Sergas
Consulta nun centro de atención primaria do Sergas | Fonte: Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta