Bugallo asegura que "non hai risco" no muro do Pombal e responsabiliza da situación aos propietarios privados

Os grupos da oposición solicitaron a convocatoria dun pleno extraordinario que terá lugar antes de 24 de novembro

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2021 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, asegurou que "non hai risco inminente" no muro do Pombal, apontoado desde hai dous anos tras producirse un derrubamento, asunto polo que os grupos da oposición --PP, Compostela Aberta e BNG-- uníronse para reclamar a convocatoria dun pleno extraordinario que terá lugar antes do 24 de novembro.

Así o confirmou o rexedor compostelán na rolda de prensa celebrada este venres no Pazo de Raxoi, sede do concello compostelán, onde o primeiro edil incidiu en responsabilizar aos propietarios privados da falta de rehabilitación da zona tras o derrube de 2019.

De feito, Bugallo indicou que os propietarios foron multados nunha ocasión e volverán ser sancionados a próxima semana por "demoras" nos traballos. En canto á parte de titularidade municipal, o alcalde avanzou que o contrato de obras será adxudicado a finais deste mes.

En todo caso, tras a escenificación de unidade da oposición para reclamar solucións para esta rúa situada entre o centro histórico e o parque da Alameda, o alcalde asegurou que non existen "datos" que avalen o "risco" denunciado por PP, CA e BNG.

"Non temenmos ningún dato de que a día de hoxe haxa un risco inminente, máis aló de que como dicía onte (xoves) o concelleiro de Obras, se hai un terremoto todo pode pasar. Pero isto non é unha zona sísmica perigosa", comentou Bugallo a preguntas dos xornalistas.

Así, remarcou que as condicións de seguridade do muro "están revisadas e re-revisadas", á vez que apuntou ao 24 de novembro como data límite para a celebración do pleno extraordinario pedido pola oposición.

NOVO CONTRATO DE LIXOS

Por outra banda, tras defender que existen contactos para arranxar os problemas denunciados os veciños de Vista Alegre a consecuencia das obras feitas no barrio durante os últimos anos, Sánchez Bugallo avanzou que o goberno local traballa na convocatoria dun novo contrato para o servizo de lixos.

O alcalde manifestou que o servizo está "obsoleto", con vehículos e colectores por encima da súa "vida útil" e con áreas da cidade que "non existían" no momento no que se deseñou o contrato, como Santa Marta ou novas áreas residenciais no Castiñeiriño.

En todo caso, Bugallo tamén dirixiu a responsabilidade do estado do servizo de recollida de residuos cara aos veciños, que, di o alcalde, fan un "mal uso" con prácticas como "sacar o lixo ás 3 da tarde" ou deixar obxectos fóra dos colectores.

Así, anunciou que o concello realizará unha campaña para fomentar "o civismo" dos veciños de Santiago, entre os que tamén se promocionará o sistema de recollida a domicilio para obxectos, unha posibilidade que é "pouco coñecida" entre os habitantes da cidade.

ÁRBORE DO ANO

Por último, Bugallo fixo un chamamento a participar na votación para elixir o candidato español á Árbore Europea do Ano, encabezada polo Carballo do Banquete de Conxo.

A árbore compostelá lidera a votación case desde o inicio da mesma con máis de 13.000 apoios, aínda que nos últimos días achegouse a Sabina de Brancas da comarca do Jiloca, en Teruel (Aragón).

Ante o recorte na diferenza co seu perseguidor, o alcalde santiagués animou a participar na votación, que se pechará o próximo 20 de novembro.

Muro do Pombal, en Santiago de Compostela
Muro do Pombal, en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta