Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2021 | Actualizada ás 14:41
Un xulgado de Pontevedra ratificou a imposición dunha multa imposta pola policía municipal do Grove por non levar máscara ao intepretar que se trata dunha medida sanitaria que queda á marxe dos dous estados de alarma declarados inconstitucionais.
O fallo, emitido polo Xulgado Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra o pasado xoves 4 novembro, confirma a multa de 100 euros imposta o 24 de agosto de 2020 a unha muller por non usar máscara na zona do pavillón e palacio de exposicións da illa da Toxa.
Deste xeito, o maxistrado rexeita o recurso presentado pola muller multada, que solicitaba a nulidade da sanción ao entender que a falta prescribira no momento da incoacción do expendiente (produciuse a finais de maio de 2021), ademais de argumentar a nulidade do primeiro estado de alarma durante a primavera de 2020 (declarado inconstitucional polo TC o pasado mes de xullo) e a falta de motivación na resolución sancionadora.
O xuíz desestima os argumentos, dá a razón ao órgano sancionador, o Concello do Grove e obriga á multada a abonar os 100 euros da sanción, xa que contra o fallo do xulgado pontevedrés non cabe recurso. Na súa resolución, o maxistrado lembra que o uso obrigatorio da máscara en todo momento foi imposto o 17 de xullo pola Administración galega, á que correspondía a competencia sancionadora de forma exclusiva ata febreiro deste ano, cando foi transferida aos concellos.
Un cambio competencial que, como apunta o maxistrado, aplícase de forma retroactiva aos procedementos sancionadores en trámite ou pendentes de realizar, como ocorre neste caso no que "se incoou e resolveu tempo despois da entrada en vigor da modificación legal".
Neste sentido, lembra a existencia dun caso previo no que un xulgado vigués anulou nunha sentenza emitida en abril a imposición dunha multa similar imposta polo Concello de Sanxenxo en xaneiro de 2021, momento no que, subliña, a competencia sancionadora aínda non fora transferida ás administracións locais. En canto á prescrición, indica que este tipo de infraccións, de carácter leve, teñen un período de validez dun ano "desde que se cometen e se formula a correspondente denuncia".
ESTADO DE ALARMA
Por último, o xuíz tamén rexeita a argumentación da sancionada sobre a nulidade dos estados de alarma, declarados a nivel estatal, primeiro na primavera de 2020 e, máis tarde, entre outubro dese ano e maio de 2021.
O maxistrado incide en que a sanción foi imposta no intervalo entre estados de alarma polo que, neste caso, trátase do incumprimento dunha medida ditada pola Xunta durante ese período, polo que "non resultan afectados pola recente declaración de nulidade" emitida polo Constitucional.
"Trátase dunha medida de carácter sanitario que non se corresponde con ningunha das concretas suspensións de dereitos fundamentais impostas nos estados de alarma", sinala o maxistrado na resolución.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.