A Deputación de Pontevedra aumenta a 26,3 millóns o Plan de Reactivación para os concellos

Hai proxectos en 47 concellos de menos de 50.000 habitantes.

Por E.P. | Pontevedra | 05/11/2021 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, presentaron este venres o plan para a reactivación social e económica ReacPon que "por decisión do goberno provincial" aumenta o investimento anunciado ata os 26,3 millóns de euros para dar cobertura a "ambiciosas actuacións" en infraestruturas e equipamentos que chegan a todas as comarcas con proxectos en 47 concellos de menos de 50.000 habitantes.

Carmela Silva e César Mosquera
Carmela Silva e César Mosquera | Fonte: Deputación de Pontevedra.

Segundo sinalou Carmela Silva, o ReacPon é "unha resposta contundente" para "achegar recursos aos concellos e á xente" para impulsar a economía da provincia, xerar actividade e crear ou manter o emprego despois da pandemia.

O ReacPon, "o plan de investimento público máis ambicioso da historia da Deputación", chegará "ao 85,45% dos concellos que se presentaron". As actuacións tamén se presentarán aos fondos europeos.

De 59 concellos de menos de 50.000 habitantes que ten a provincia e podían optar ao ReacPon presentáronse 55, dos que cinco non alcanzaron a puntuación mínima esixida (50 puntos) e tres incumprían as bases.

Dos 47 proxectos aceptados, 25 serán actuacións de mobilidade amable e segura cun investimento total de 19,17 millóns de euros, e 22 obras en equipamentos municipais (19,93 millóns). Neste segundo caso, cinco serán de rehabilitacións de casas consistoriais (3,95 millóns), cinco de reforma de espazos culturais (4,51 millóns de euros), oito de obras en infraestruturas deportivas (6,5 millóns), tres actuacións en bibliotecas (3,17 millóns), e unha obra nun cemiterio (1,8 millóns de euros).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta