Piden compensar aos propietarios afectados polas limitacións da Rede Natura

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) en colaboración coas comunidades de montes, destacou que buscou unha vía de cofinanciamento a través da inscrición dos proxectos de restauración no Rexistro de Compensacións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2021 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) destacou o seu compromiso coa conservación dos espazos afectados pola Rede Natura pero considerou necesario que a Administración habilite apoios para compensar aos propietarios e comunidades de montes polas limitacións de usos ás que ven obrigados.

Esta foi unha das cuestións abordadas pola entidade na súa XXXIV Asemblea Xeral Ordinaria, un encontro do que informou nun comunicado e no que puxo en valor a colaboración que presta ás comunidades de montes socias afectadas por incendios forestais en 2017, en especial na provincia de Pontevedra.

Así, a AFG, en colaboración coas comunidades de montes, destacou que buscou unha vía de cofinanciamento a través da inscrición dos proxectos de restauración no Rexistro de Compensacións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Esta inscrición, segundo indicou, permite que aquelas empresas interesadas en compensar de forma voluntaria a súa pegada de carbono poidan investir nestes proxectos de restauración, colaborando así na recuperación dos montes afectados polos incendios.

Unha segunda liña de traballo da Asociación Forestal de Galicia, neste caso en colaboración coa Fundación Arume, sitúase na recuperación do ecosistema galego de piñeirais. Así, traballa en proxectos de mellora xenética das coníferas galegas e na restauración de montes con piñeiros, proxectos para os que a Fundación Arume solicitou fondos Next Generation.

Outros temas abordados na asemblea foron as novas normativas lexislativas que se preparan no ámbito forestal, en relación con cuestións como a prevención de incendios e a xestión de montes veciñais, así como o recentemente aprobado Plan Forestal de Galicia.

SUBSTITUCIÓN NA PRESIDENCIA

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) tamén celebrou este sábado o seu XXXIV Asemblea Geneal Extraordinaria en Pontevedra, un acto no que Antonio Rigueiro tomou a substitución de Francisco Fernández de Ana Magán como presidente.

No comunicado, a Asociación lembra que a carreira de Francisco Fernández de Ana Magán como investigador iniciouse no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, do que foi xefe da sección de Fitopatología. Ademais, foi docente da Escola de Capataces de Lourizán e profesor asociado da Escola Politécnica Superior de Lugo (USC).

Durante a súa traxectoria como presidente desde 2004, a asociación destacou que Francisco Fernández impulsou a profesionalización dos servizos aos socios e puxo os seus coñecementos en sanidade forestal ao servizo da entidade, o que repercutiu nunha mellor atención. Ademais, contribuíu ao fortalecemento da estrutura da AFG e destacou o seu esforzo pola promoción dun monte multifuncional, no que a produción de madeira conviva con outros servizos, como a produción de cogomelos e outras actividades económicas e de lecer.

A testemuña á fronte da presidencia da Asociación Forestal de Galicia tomouno este sábado Antonio Rigueiro, que ata agora era vicepresidente de Relacións Institucionais da entidade. Rigueiro tamén iniciou a súa traxectoria como investigador en Pontevedra, no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, onde traballou ata o ano 1986.

Posteriormente ostentou cargos na Administración autonómica e no 1988 iniciou a súa andaina como profesor da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos de Lugo, da que foi director entre 1990 e 1993. Nunha segunda etapa dirixiu a Escola Politécnica superior de Lugo, entre 1997 e o ano 2000.

Ademais, é membro numerario da Real Academia Galega de Ciencias desde o ano 2002. Na Universidade de Santiago de Compostela (USC), da que é catedrático, coordina tamén un grupo de investigación sobre sistemas de silvopastoreo, e é director da Estación Científica do Courel (USC).

Asemblea Xeral da Asociación Forestal de Galicia. ASOCIACIÓN FORESTAL DE GALICIA
Asemblea Xeral da Asociación Forestal de Galicia. ASOCIACIÓN FORESTAL DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta