O foro 'Carta de Santiago' explorará respostas a retos como as migracións masivas con diferentes expertos

Este foro de reflexión e debate, enmarcado no Xacobeo 21-22, congrega na Cidade da Cultura a nomes como o da emprendedora francesa Joséphine Goube, co-fundadora e directora executiva de Techfugees for Impact, entre outros líderes en ciencia, cultura, medio ambiente ou cambio social.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 06/11/2021 | Actualizada ás 18:45

Comparte esta noticia

O encontro internacional 'Carta de Santiago', organizado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Paideia Galiza, busca estes días respostas a grandes desafíos da sociedade actual como as migracións masivas, o cambio climático ou a alimentación da macro-urbes.

Este foro de reflexión e debate, enmarcado no Xacobeo 21-22, congrega na Cidade da Cultura a nomes como o da emprendedora francesa Joséphine Goube, co-fundadora e directora executiva de Techfugees for Impact, entre outros líderes en ciencia, cultura, medio ambiente ou cambio social.

Nunha charla conducida pola investigadora da Universidade da Coruña Keina Espiñeira, e da que informou a Xunta nun comunicado, Goube sinalou que Europa "non afronta unha crise de refuxiados, senón unha crise de hospitalidade", á vez que apostou por dialogar coas persoas refuxiadas de igual a igual e non tratalos como obxectos aos que mover ou encher de habilidades para facelos produtivos.

Goube, que recibiu a distinción de Emprendedora Social por parte da revista Forbes, mobiliza a través da plataforma Techfugees a toda unha comunidade internacional de desenvolvedores na creación de solucións que axuden ás persoas refuxiadas.

En Santiago, explicou que o seu proxecto "ofrece tecnoloxía segura, simple e accesible". "Non pretendemos salvar o mundo, pero podemos aliviar o seu sufrimento", sinalou durante a conferencia titulada 'Reimaginando un mundo hospitalario cos refuxiados', e á que asistiu o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

CAMBIO CLIMÁTICO E BIODIVERSIDADE

O medio ambiente foi tamén tema central desta xornada do sábado, na que se abordaron cuestións como a relación entre territorio e biodiversidade. Carolyn Steel, especialista internacional no debate ao redor da macro-urbes e no problema de alimentación nestas matrópolis --é autora de obras de referencia como Cidades Famentas e Sitopía--, apostou por "volver coser sociedade e campo" para ter a cidade que se necesita. "É necesario que campo e cidade deixen de darse as costas", indicou.

Ao tempo, fixo un chamamento a "pór a alimentación no centro da economía". "A alimentación dá forma ao noso corpo, mente e paisaxe, pero non lle damos valor", sinalou para asegurar que hai que darlle valor aos alimentos para que "todo cambie para mellor" Pola súa banda, a científica titular do Instituto Español de Oceanografía, Lucía Viñas, o médico e biólogo Salvador Fojón -coordinador da Unidade de Coidados Intensivos Cardiológicos do CHUAC- e a divulgadora de natureza Mónica Fernández-Aceytuno debateron previamente ao redor do cambio climático e a axenda 2030, realizando un chamamento común a loitar de forma unitaria contra o quecemento global, por tratarse dun problema de toda a humanidade, que non entende de bandeiras nin de fronteiras.

PROGRAMA DO DOMINGO

O programa de 'Carta de Santiago' finalizará este domingo coa conferencia de María Neira, directora do Departamento de Saúde Pública da Organización Mundial da Saúde.

A pesar de ter que conectarse a distancia desde Glasgow, onde se atopa participando na Conferencia das Nacións Unidas sobre o cambio climático, a representante da OMS participará na Carta de Santiago a través dunha proxección holográfica conversando con África González, galega que se converteu nunha das inmunólogas máis recoñecidas de España, exdirectora do Centro de Investigacións Biomédias e ex presidenta da Sociedade Española de Inmunología.

Nomes como os do biotecnólogo galego César de la Fuente, profesor da Universidade de Pennsilvania recoñecido polo MIT como un dos científicos novos máis innovadores; o filósofo Daniel Innerarity, Premio Nacional de Ensaio; ou a emprendedora e científica Luz Rello, recoñecida co Premio Fundación Princesa de Xirona polo seu traballo en apoio das persoas con dislexia, completan o programa do último día do foro.

O foro 'Carta de Santiago' busca na Cidade da Cultura respostas a retos como as migracións masivas con expertos como Joséphine Goube. XUNTA
O foro 'Carta de Santiago' busca na Cidade da Cultura respostas a retos como as migracións masivas con expertos como Joséphine Goube. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta