A ampliación dos aparcadoiros do Hospital Materno da Coruña e do Naval de Ferrol reciben doce ofertas

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destacou que prevé iniciar as obras nestes dous centros hospitalarios a principios de 2022.

Por E.P. | A CORUÑA | 06/11/2021 | Actualizada ás 19:19

Comparte esta noticia

A Xunta recibiu un total de 12 ofertas para executar as obras de ampliación dos aparcadoiros do Hospital Teresa Herrera da Coruña (o Materno Infantil) e do Hospital Naval de Ferrol, que suporán un investimento de case un millón de euros.

Nun comunicado remitido aos medios, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destacou que prevé iniciar as obras nestes dous centros hospitalarios a principios de 2022. Os traballos teñen un prazo de execución de seis meses, polo que no próximo ano quedarán completamente terminados.

En concreto, a nova actuación da Xunta no centro hospitalario coruñés Materno-Infantil permitirá incrementar o número de espazos de aparcadoiro, pondo a disposición dos usuarios 31 prazas, que se sumarán ás 53 habilitadas o pasado ano.

A intervención obxecto deste contrato consistirá no acondicionamento dunha zona situada na parte traseira do hospital, onde se atopan os antigos depósitos e balsas de augas residuais. Os traballos proxectados, unha vez preparada a superficie, centraranse en habilitar dous espazos para aparcadoiros, con 15 e 16 prazas, respectivamente.

Na actualidade, un destes espazos, aínda sen urbanizar, xa se usa para aparcar. No outro habilitaranse novas prazas a deposición do hospital. Tamén se modificará un dos actuais accesos ao hospital, para mellorar a ordenación do tráfico, dotándoo dunha configuración tipo rotonda.

HOSPITAL NAVAL DE FERROL

A actuación proxectada no Hospital Naval de Ferrol permitirá habilitar 266 novas prazas de aparcadoiro. Neste caso, duplicarase o número de prazas existentes, executando un novo aparcadoiro na zona norte, contiguo ao actual, outro na zona sur, e tamén novas prazas na marxe esquerda do viario perimetral.

Do total de prazas, oito serán para persoas con mobilidade reducida. Ademais, executarase un novo viario de acceso de uso exclusivo para ambulancias, para facilitar os seus movementos, xa que o percorrido circulatorio interno dos vehículos no recinto causa interferencias que prexudican a axilidade requirida para este servizo.

A Xunta destacou que estas intervencións lle dan continuidade aos traballos de mellora da accesibilidade e reforzo do firme levados a cabo o ano pasado na contorna do Hospital Teresa Herrera e na Lavandaría do Sergas na Coruña, e aos realizados nos hospitais Marcide, Naval e Novoa Santos de Ferrol.

Os traballos foron executados no marco dun contrato maior da Xunta de actuacións nos viarios e accesos a varios hospitais públicos da provincia, que supuxeron un investimento global dun millón de euros.

Hospital Naval de Ferrol
Hospital Naval de Ferrol | Fonte: paxinas galegas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta