Xantar 2021: "unha boa edición de transición"

O salón turístico-gastronómico que tivo lugar en Ourense entre o 3 e o 7 de novembro pechou unha edición especial de volta á normalidade con arredor de 18.000 visitas. O conselleiro do Medio Rural de Galicia, José González, aproveitou a súa presenza en Xantar para anunciar que en 2022 entrará no Parlamento, como proxecto de lei, a nova Lei de Calidade Alimentaria de Galicia.

Por X.M. Fernández | Ourense | 09/11/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

"Unha boa edición de transición cara á nova normalidade", así califican o reencontro dos profesionais do turismo e da hostalería na 22ª edición de Xantar.

Actividades coa marca 'Tenreira Galega'. Foto: Prensa Expourense
Actividades coa marca 'Tenreira Galega'. Foto: Prensa Expourense

O domingo 7 pechou as súas portas como a primeira edición celebrada no outono e tamén como a última celebrada sen tren de Alta Velocidade-AVE, feito que suporá un revulsivo para Ourense, porta de entrada a Galicia.

A organización contabilizou ao redor de 18.000 visitas, e despois de falar cos expositores decidiu que o cambio de datas "veña para quedar". Durante o acto de clausura, o director Rogelio Martínez, anunciou xa que Xantar 2022 celebrarase entre o 9 e o 13 de novembro facéndoo coincidir coa festividade de San Martiño, “algo que converterá a Ourense nun gran polo de atracción do turismo de proximidade que agora ampliará o seu radio coa chegada do AVE”.

O acto de clausura desta edición contou coa participación do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e do conselleiro do Medio Rural de Galicia, José González. O conselleiro aproveitou a súa presenza en Xantar para anunciar que en 2022 entrará no Parlamento, como proxecto de lei, a nova Lei de Calidade Alimentaria de Galicia que rexerá os produtos agroalimentarios de calidade diferenciada producidos e comercializados en Galicia e que ten o obxectivo de posicionar a esta comunidade como referente. “Todos os produtos que nos fan sentirnos orgullosos de que sexan galegos están protexidos e somo a comunidade líder en canto a denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas refírese, un total de 36”, indicou José González.

XORNADA DE CLAUSURA

Esta última xornada, entre outras actividades programadas, serviu para entregar premios e para agradecer aos patrocinadores e colaboradores as súas achegas para poder levar adiante a organización desta cita que se converte un ano máis nun exemplo de cooperación público-privada. Ademais da administración autonómica (a través do apoio das consellerías de Turismo, de Medio Rural e de Mar); contou co apoio da administración provincial (co apoio da Deputación Provincial de Ourense), e a local (a través da Concellería de Turismo de Ourense).

Xornada de clausura de 'Xantar 2021' coa presenza de autoridades. Foto: Prensa Expourense.
Xornada de clausura de 'Xantar 2021' coa presenza de autoridades. Foto: Prensa Expourense.

A estes apoios institucionais sumáronse outros como a Deputación Provincial de Lugo, a entidade de Turismo Porto e Norte ou Euskadi Gastronómika --que se sumou este ano a Xantar por primeira vez-- e outras grandes empresas do sector agroalimentario. Renfe participou como transportista oficial.

Cunhas 18.000 visitas, 160 expositores, máis de 100 actiivdades e 7 restaurantes, conclúe a primeira feira internacional organizada por Expourense tras a pandemia. 

Para coñecer todos os premios outorgados na edición deste ano pódese acceder a información que facilita a organización na web de Xantar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta