Os bonos de comercio e hostalaría de Santiago seguen sen convencer: quedan aínda 14.000 por emitir

O alcalde cre que se algúns negocios "non son capaces" de beneficiarse da campaña, é "porque non se implican".

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 08/11/2021 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago leva emitidos 5.783 bonos 'Corazón Compostela', destinados ao comercio e á hostalaría, polo que o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, fixo un chamamento para que a cidadanía solicite os máis de 14.000 restantes que quedan por retirar ata o 10 de decembro, cando terminará o prazo.

Na súa rolda de prensa habitual dos luns, tras a xunta de goberno local, o rexedor explicou que desde o venres houbo "unha subida importante" na expedición destes bonos que se poden empregar en 326 locais adheridos. "Pero aínda queda moito camiño por percorrer", engadiu.

O Concello puxo a disposición dos composteláns e veciños da contorna un total de 20.000 bonos --de 30, 50 ou 75 euros, o 40 por cento financiado polo goberno local--, para os que as arcas municipais consignou uns 600.000 euros.

Cada tenda ou establecemento adherido a esta campaña poderá recibir ata 10.000 euros a través dos bonos 'Corazón Compostela', unha contía que se ampliou debido a que algún dos locais xa superara o tope establecido anteriormente.

Con todo, o alcalde non descartou volver ampliar este límite en vistas de que algún negocio o volveu a superar. "En principio, o obxectivo de pór o tope é que un maior número de establecementos se puidese beneficiar", xustificou Bugallo, quen ademais explicou que, se hai 326 adheridos e algún esgotou xa o máximo, iso significa que "hai moitos que aínda non se estrearon".

Neste sentido, o rexedor considera que os negocios que "non son capaces" de beneficiarse desta campaña é "porque non se implican". Por iso, ademais de chamar aos veciños a solicitar os bonos, apelou a que os propios locais oferten esta posibilidade aos compradores.

Un camareiro protexe o seu establecemento á hora do peche polas medidas ordenadas pola crise do Covid-19, en Santiago de Compostela, Galicia, (España), a 6 de novembro.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Un camareiro protexe o seu establecemento á hora do peche polas medidas ordenadas pola crise do Covid-19, en Santiago de Compostela, Galicia, (España), a 6 de novembro.. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta