O Parlamento pide unha "declaración ante a emerxencia climática" en Galicia

Foi unha proposta do PSdeG.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/11/2021 | Actualizada ás 20:26

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia aprobou este martes por unanimidade, cos votos a favor de PP, BNG e PSdeG, unha iniciativa para, entre outros puntos, solicitar á Xunta unha "declaración ante a emerxencia climática".

Cambio climático
Cambio climático | Fonte: WWF España

A proposta orixinal, rexistrada polos socialistas, reclamaba a declaración "do estado de emerxencia climática", pero o PP introduciu cunha emenda un matiz para "aprobar en Galicia o mesmo que aprobou Pedro Sánchez no Goberno de España" en xaneiro do 2020.

O encargado de defender a proposición non de lei (PNL) foi o deputado do PSdeG Pablo Arangüena, quen urxiu a facer "algo rápido e de maneira contundente" para frear o quecemento global.

Así, defendeu a "declaración do estado de emerxencia climática" en Galicia, unha proposta xa recollida e aprobada na resolución do Debate do Estado da Autonomía do ano 2019, o último da lexislatura pasada. "Non foron capaces vostedes de cumprir", afeou.

Posteriormente, a deputada do PPdeG Marisol Díaz Mouteira recoñeceu que a Xunta non aprobou esta declaración, pero xustificouno en que o Goberno galego "decidiu deixar o papel" e deixar "de falar en abstracto" e "pasar á acción".

Ademais, presentou a emenda dos populares para empregar a denominación de "declaración ante a emerxencia climática" de Galicia porque foi a mesma empregada polo Executivo estatal. "É aprobar en Galicia o mesmo que aprobou Pedro Sánchez", insistiu.

Na réplica, Arangüena (PSdeG) tachou este argumento de "peregrino", pero aceptou o cambio porque o contido "coincide substancialmente, practicamente, milimétricamente" co texto orixinal dos socialistas.

Á parte da declaración "ante" a emerxencia climática, a PNL aprobada tamén inclúe cuestións como alcanzar a "neutralidade climática" como moi tarde en 2050, apostar polo I+D+i para impulsar a descarbonización da economía galega, conseguir unha transición "xusta" e "adaptar" a estratexia contra o cambio climático da Xunta para conseguir unha redución do 55 por cento nas emisións para 2030, tal e como marca a Comisión Europea.

UN "SI CRÍTICO" DO BNG

Pola súa banda, o deputado do BNG Luís Bará garantiu un "si crítico" do seu grupo á iniciativa, porque "nestes debates hai moita retórica buenista e moita contradición" ante o que é "un grave problema".

Neste contexto, chamou a "non desviar a atención" de que son "as grandes corporacións" as "responsables da crise climática", a pesar de que "pretenden facerse pasar por salvadores do planeta". "As causas están nun sistema económico capitalista, depredador das materias primas", resumiu.

Mentres tanto, Bará cualificou á Xunta de ser "unha gran fábrica de cambio climático e de políticas contra natura" ao "reformar todo tipo de leis para permitir que as empresas expolien todo tipo de recursos", mentres que as súas estratexias nesta materia están xa "superadas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta