O libro e eu

Durante moitos anos, cando era só un peón con opinión e non tiña que ir en coche a todas partes (sempre digo que os da AP9 deberían lanzar un Carnet Plus só para min) non saía de casa sen un libro.

Por Francisco Castro | Vigo | 13/03/2014

Comparte esta noticia
Lémbrome pateando Vigo arriba-abaixo lendo pola rúa. Aínda o fago sempre que podo. Levei un sinal de tráfico unha vez coa cabeza. Outra vez, unha velliña. E piseille un pé a un can que a pouco máis me arrinca despois un xeonllo a dentelladas.
 
Amo os libros. Son de libros. Como Borges dixo, máis orgulloso que dos libros que escribín estou dos que lin.
 
O outro día preguntoume a miña pequena que que era o máis me gusta da nosa casa ("pero non podes dicir que eu, vale?"). Sen dúbidalo, e xa que non podía dicir que o que máis me gusta é ela, dixen que a miña biblioteca. Porque eu, a desorde en persoa, eu, un baldrallo doméstico incapacitado para a lóxica das cousas, teño os miles de volumes da miña biblioteca (máis os libros que hai en distintas casas de familiares e no meu despacho profesional, coche, trasteiro...) ordeados perfectamente, do A ao Z, sen fisuras. E cando algo quero, aparece. E cando unha lectura amada me pide ser lida, sei onde está. E que ninguén veña desfacerme esa orde. Cáeseme o  mundo. Instáurase o desastre. Incíase a apocalipse.
 
Doulle a isto moita importancia.
 
Quizais por iso, cando vou convidado a casas alleas, no único no que reparo é nos andeis dos libros. Que hai aquí. Como están dispostos. Que le esta xente.
 
Os bibliófilos, que é a maneira fina de referirnos aos que amamos os libros (e a lectura, que son cousas distintas; eu amo, tamén, ler na pantalla do computador, coma ti agora, no móbil, no iPad...) temos unha relación emocional inquebrantable con ese obxecto chamado libro. Por iso os que, ademais, somos escritores, non podemos deixar de sentir un calafrío moi particular cando vemos que as palabras por nós soñadas, as que sacamos do maxín e do corazón, rematan formando un libro de verdade, co seu ISBN, o seu lombo e o seu escaparate de librería. E cando ademais o vemos nas mans de alguén, a sensación é indescritible en palabras por moi poeta que sexas.
 
Os meus libros da miña bilbioteca están cheos de papeis por dentro, de fotos, de debuxos dos meus fillos cando eran pequenos. Teño a absurda idea, pero feliz, de que cando sexa un velliño e colla determinado exemplar e vexa que alí está un debuxo da miña pequena, do meu pequeno, dicíndome que me queren, vou sentir un pracer grande. Sei que será así. E pensaredes, iso podes telo en calquera outro sitio. Nunha caixa de recordos, por exemplo. Ou nun álbum de fotos. Si. Levades razón. Pero tamén a levo eu. Esas cousas do corazón tamén poden estar entre os meus libros. No medio dalgo que quero. E hai fotos e hai recortes de xornal e hai artigos e hai, en definitiva, anaquiños de min, da miña vida, do meu pasado, do lector que eu era cando gardei aquilo alí.
 
Ámoos. Por iso teño que cheiralos, tocalos, acariñalos, limpalos, poñelos correctamente de pé nos andeis...incluso decoralos (teño boa parte da miña colección de obxectos dos Beatles, diante dalgúns libros, para que ambas as dúas cousas amadas lozan igual de lindas).
 
Por iso, o segundo que máis me gusta facer nunha cama é ler.
 
Por iso, a felicidade, para min, amante dos libros, é ser escritor e editor. Vivir no libro. Vivir co libro. Vivir do libro. Vivir no libro.
 
Lerlle ao meu fillo cando era pequeno. Lerlle agora á miña filla que aínda é pequena.
 
Iso mesmo é. Iso mesmo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro